Poio aproba unha moción en defensa das embarcacións e mariñas tradicionais

Foto do CM A Reiboa

Na asemblea de Culturmar celebrada o pasado 4 de decembro púxose de manifesto a necesidade de impulsar o recoñecemento da frota tradicional galega, en aplicación das directrices da UNESCO e da UE sobre salvagarda do patrimonio marítimo, así como a de urxir á Consellaría de Cultura Educación e Universidades para que desenvolva o Decreto 52/2019 de 9 de maio polo que se declaran ben de interese cultural as técnicas construtivas da carpintaría de ribeira, e en particular a creación do órgano de xestión que deberá establecer a folla de ruta para a elaboración do Censo de Embarcacións Tradicionais e Barcos Históricos de Galicia.

Á par do anterior, Culturmar vén instando desde hai anos á Portos de Galicia para que aplique e afonde na política de bonificación de taxas ás embarcacións tradicionais e outras medidas de apoio ás asociacións e entidades que operan na recuperación, custodia e dinamización deste patrimonio para desfrute de toda a cidadanía.

Ambas liñas de traballo son demandas históricas de todos os colectivos que conforman Culturmar e son instrumentos esenciais para superar as incertezas ás que xa se referiu en 2015 o seu presidente na entrega do Premio da Cultura Galega, e que poñen en perigo o labor desenvolvido até agora.

Neste mesmo sentido, o pasado día 29 de decembro o pleno do Concello de Poio aprobou por unanimidade unha moción promovida polo CM A Reiboa, na que se insta á Consellería de Cultura a desenvolver o Decreto 52/2019 e á Consellería de Mar e Portos de Galicia para que manteñan as condicións nas que o CM A Reiboa vén ocupando un pantalán exclusivo para embarcacións tradicionais no peirao da Chousa e para que achanden o camiño para a instalación dunha Mariña Tradicional no mesmo, en consonancia con outras iniciativas semellantes existentes en outros portos galegos e que están tamén á espera de poder materializar os seus proxectos. É importante lembrar, a respecto disto último, que mesmo a instalación do pantalán da Chousa foi concibida para albergar de maneira exclusiva as embarcacións tradicionais, outorgándolle así a visibilidade que merecen consonte a súa importancia como bens de interese para o público, desde os puntos de vista cultural e patrimonial.

Saudamos por tanto a iniciativa do CM A Reiboa e o acordo adoptado pola Corporación Municipal de Poio, que ratifica o compromiso xa histórico deste Concello coa difusión e conservación do patrimonio marítimo, do que é exemplo entre outros a organización no pasado de dous Encontros de Embarcacións Tradicionais, e esperamos que esta confluencia de obxectivos e esforzos entre as distintas administracións e o tecido social frutifique por fin na conformación dunha Rede de Mariñas Tradicionais que se converta no gran museo vivo das embarcacións tradicionais galegas con vocación de servizo cultural destinado a todo o público.

Deixa o teu comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


The reCAPTCHA verification period has expired. Please reload the page.