Propostas de futuro para o patrimonio a flote

Hai pouco tempo desde Culturmar elaboramos un pequeno informe, A situación do patrimonio marítimo galego. Propostas de futuro para o patrimonio a flote, para facerlles presente aos partidos que concurrían ás eleccións a situación na que está o patrimonio marítimo, e especialmente o patrimonio flotante, o que corre máis risco de desaparecer. Con este informe queremos chamar a atención sobre que o xa feito non é suficiente, que o patrimonio flotante segue a sofrer unhas condicións que non garanten a transmisión ás xeracións vindeiras do que chegou ata nós.

Neste documento propoñemos tres medidas básicas e que nós consideramos relativamente fáciles de levar a cabo. Non son nada que non dixéramos moitas veces en moitos foros distintos. Precisamos unha norma ou mecanismo que permita recoñecer o carácter cultural das embarcacións de interese patrimonial (tradicionais, históricas, singulares, etc.). Precisamos un inventario no que aparezan recollidas e que permita a difusión deste patrimonio e a planificación a medio e longo prazo do traballo tanto das administracións como da sociedade civil. E precisamos por último que nos portos nos que haxa demanda se creen mariñas tradicionais, un lugar específico e adecuado no que atracar estes barcos para que estean protexidos e que poidan ser vistos e visitados por calquera persoa e no que existan as fontes de información necesarias para que esas persoas poidan saber máis deles.

Como recollemos no informe, algúns pasos xa se deron na boa dirección, pero non son suficientes. Queda moito labor por facer.

Deixa o teu comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


The reCAPTCHA verification period has expired. Please reload the page.