Anxo Angueira Viturro (Dodro, 1961) ingresará na Real Academia Galega (RAG) como membro de número o vindeiro sábado 27 de abril, nunha sesión extraordinaria pública que terá lugar no Auditorio Municipal de Padrón, a partir das 12 horas. A sesión tamén poderá seguirse en directo a través da páxina web www.academia.gal.
En atención ao seu labor de salvagarda da nosa cultura mariñeira, Culturmar celebrará este ingreso organizando un saúdo de remos á entrada do Auditorio. O punto de encontro será o Polideportivo Municipal, onde se formará ás 10.30 horas a comitiva que formará posteriormente o tránsito dos remos.
Desde a Federación queremos manifestar de antemán os nosos parabéns a Anxo Angueira, coa certeza de que a súa estadía como membro da RAG será de proveito para a cultura dos nosos ríos e mares.
Angueira destaca como animador cultural en moitos ámbitos, en particular no da cultura mariñeira. Colaborador habitual de Culturmar, é o impulsor, entre outras, da ‘Inchadiña Branca Vela‘, homenaxe que se lle fai anualmente a Rosalía de Castro cunha navegación de embarcacións tradicionais subindo polo Ulla e o Sar até o espolón de Padrón, onde os remos renden homenaxe á poeta. Dende o ano 2012, preside a Fundación Rosalía de Castro, na que desenvolve un destacado labor de divulgación da figura e do legado literario da escritora.
Culturmar quere adicarlle estas palabras ao amigo Anxo:
Os remos do país
Galiza, antigo e enorme barco que navega na procura do alén mirando ao solpor atlántico, conta con lemes e remos, e tamén velas, como aquelas inchadiñas e brancas das que falaba Rosalía.
A poeta, eterna e universal, segue viva entre nós ollando aos máis desafiantes ventos, coa súa rotunda presenza dignamente representada nesas brancas velas, que hoxe entran, da man do noso amigo Anxo, na máis alta institución da cultura galega.
Anxo Angueira, ao remo de meo, fai que a tinta preta daqueles versos do poema rosaliano cobre nova vida nas impoñentes estampas das dornas sucando o Mar da Arousa, até a porta mesma da casa de Rosalía, da nosa casa.
Cos ventos a favor, as inchadiñas brancas velas locen de novo, afoutas, e mentres o barco navega firme a tripulación ergue os remos para saudar ao noso benquerido compañeiro, nesta nova singradura que levará á cultura mariñeira, cerna do país, a albiscar portos máis afastados.
Boa proa, patrón.