Sueste e a A.VV. A Praia-Seara seguen a traballar pola conservación dos estaleiros de Moaña

Onte domingo houbo un acto público no estaleiro de Casqueiro en Moaña para reivindicar a conservación dese estaleiro e do de Carlagho (que está ao lado) diante da ameaza que supón a construción dun tramo do paseo marítimo que ademais de levar 5 metros dos estaleiros eliminaría o seu acceso ao mar.

Neste acto presentouse o Manifesto pola conservación, posta en valor e musealización das carpinterías de ribeira de “Carlagho” e “Casqueiro” (Moaña). Este documento pretende ser o medio para que as persoas que así o desexen poidan apoiar a conservación dos estaleiros co obxectivo de lograr a activación deste importante patrimonio para ben de todos os veciños de Moaña.

Ninguén se opón á que se remate o paseo marítimo, o que se cuestiona é que esa construción teña como consecuencia a desaparición dos estaleiros e da súa saída ao mar. O arquitecto Juan Fernández Rivas presentou unha nova proposta que permitiría solucionar esta situación, facendo compatible o remate do paseo marítimo e a musealización viva dos estaleiros, mantendo a súa actividade actual e mantendo por tanto a súa saída ao mar. Como xa fixera anteriormente propón que a parte do paseo diante dos estaleiros sexa pilotado sobre o mar e cunha ponte mobil que permitiría o paso ocasional de barcos aos estaleiros.

Nos pdfs que se listan abaixo hai unha completa información sobre esta nova proposta que busca unha solución aceptable por todas as partes e aumentar o valor que xa de por si teñen os estaleiros.

(Imaxe de arriba: Santos Álvarez tomada do Faro de Vigo)