Vivemar 2023: ‘Ao Mar, Madeira.Un percorrido polo litoral galego’ en Viveiro

Vivemar son unhas xornadas de divulgación do coñecemento da cultura marítima na comunidade educativa de Viveiro (Lugo). Este ano, o lema destas xornadas é ‘Ao Mar, Madeira. Un percorrido polo litoral galego’ e desenvolveranse entre o 13 e o 19 de novembro. A actividade está destinadas os alumnos e alumnas dos centros educativos do CEP Lois Tobío, CEIP Covas, CEIP Celeiro, CEIP Plurilingüe Santa Rita de Galdo e CPR Landro.

As actividades programadas inclúen charlas, a proxección de documentais, exposicións, encontros de colectivos e unha limpeza voluntaria de lixo, entre outras.

O programa de actividades empezará o luns 13, ás 20:30 horas, coa inauguración da exposición ‘O mar en Xosé Conde Corbal’ na Sala Multiusos do Concello de Viveiro. O martes 14, ás 20:30 horas, proxectarase o documental ‘A Construción da Dorna Irmandiña’, tamén na Sala Multiusos do Concello de Viveiro, onde o mércores 15, ás 20:30 horas, poderá verse o documental ‘As bateas e o mexillón’ e o xoves 16, ás 20:30 horas, terá lugar a charla e proxección ‘A obra mariñeira de Xosé Conde Corbal’, con Antón Mascato.

O venres 17 na Sala de Exposicións da Biblioteca de Viveiro, ás 19:00 horas, terá lugar a charla ‘A conservación da pesca, do pasado ao futuro’, con Carlos Nuevo Cal, que é o cronista oficial de Viveiro. E ás 20:30 horas haberá a charla ‘As salgadeiras e conserveiras’, a cargo de Xosé María Leal Bóveda. 

Para o sábado 18 ás 11:00 horas na Sala Multiusos do Concello de Viveiro desenvolverase o evento ‘Vivemar: Declaración de intencións. Presentación de proxectos: Escola de navegación, Inventario de Patrimonio. Participación de asociacións e colectivos. Novas iniciativas’, con Lucas Requeixo e Antón Mascato. Ás 12:00 horas presentarase a publicación ‘Nova Ardentía’, con Emilio Ínsua, Antón Niñe e o Capitán Pino. Ás 12:30 horas haberá unha conversa con Francisco Fra arredor do estaleiro de San Cibrao, con Emilio Ínsua e Antón Mascato. E ás 18:30 horas terá lugar un encontro de colectivos e persoas interesadas na problemática do plástico nos ríos e no mar.

E o domingo 19 ás 11:00 horas levarase a cabo unha limpeza voluntaria e colectiva de lixo na Ría de Viveiro, coordinada por Prato_DO. O lugar de encontro é o Monumento das Minas da Silvarosa, na Misericordia. E ás 12:30 horas terá lugar o evento ‘Historia ou historias que viñeron pola mar. Roteiro guiado polo Viveiro vello’, con Suso Martínez, guía de turismo e historiador. Será desde a Praza Maior.

Estas xornadas están coordinadas por Lucas Requeixo e patrocinadas pola Consellería do Mar e contan coa implicación dos colexios viveirenses.