Bernardino Graña, poeta do mar… e do amar

O pasado domingo, Cangas do Morrazo despediu cun acto cívico a Bernardino Graña, o poeta que cantou a xente con salitre dese concello en Profecía do mar (1966), “un dos libros máis nobres da poesía galega contemporánea”, en palabras do seu amigo X. L. Méndez Ferrín. A dura vida da xente do mar, a xeito de épica de loita co medio, convértese en protagonista de denuncia nun poemario inzado de léxico mariñeiro do Morrazo referido ao terreo (baixos e sorríos), ás pedras (cabezos e cons), ás augas (espumallo, ardentía e fumazo) e ao movemento das augas (aguación, babexiña e goldría), á fauna e á flora mariñas (cercella, aguaneira e carrumeiro).

En xullo do 2005, Bernardino, que acababa de ter un derrame cerebral, participou no recital “Poetas do mar de Cambados e doutros mares galegos”, actividade do programa cultural do VII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia celebrado na Vila do Albariño. Comezou a súa intervención con “Pregunto aos homes e ás mulleres do noso mar”, de Non vexo Vigo nin Cangas (1975), poema que escribira no seu “exilio” en Tarragona cando lera na prensa que ían privatizar unha praia galega. Dirixíase a mariñeiros, peixeiras e mariscadoras de todo o litoral galego para que lle dixesen “de quen son os areeiros, / e os cons e faros e as illas [..] de quen son / praia, areas, augas, rías”. Fechou a intervención recitando a “Oda aos mariñeiros de Cangas”, o texto máis coñecido de Profecía do mar.

Bernardino tamén foi poeta do amar. En Se o noso amor e os peixes Sar arriba andasen (1980) figuran excelentes mostras de poesía amorosa en lingua galega, entre outras, “Como hei vivir mañá sen a luz túa?” que popularizou o músico Suso Vaamonde. Persoa inconformista e soñadora, ademais de poesía, escribiu teatro e narrativa infantil e xuvenil; e serodiamente cultivou a narrativa para xente adulta en obras onde trata de xeito heterodoxo a vida de Xesús.

Que os ventos lle sexan portantes na travesía polos mares do Alén!

*Nesta ligazón podedes ver o recital de poesía baixo o título de “Poesía do mar de Arousa e doutros mares galegos” que formou parte do programa de actividades do VII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galiza organizado pola FGCMF-Cultumar entre os días 6 e 10 de xullo de 2005, en Cambados. No vídeo podemos ver e escoitar a Bernardino Graña recitar tres dos seus poemas (entre os minutos 21:10 e 32):
– “Oda aos mariñeiros de Cangas”, de Profecía do mar (1966).
– “Pregunto aos homes e ás mulleres do noso mar”, do libro Non vexo Vigo nin Cangas (1975).
– “Sempre mar”, de Profecía do mar (1966).

FOTOGRAFÍA: Xurxo Lobato