“Do mar pola orela / mireina pasar…” escribiu Curros Enríquez pensando na inmensa poeta Rosalía de Castro, a quen renderemos novamente homenaxe o vindeiro 23 de febreiro, nun novo aniversario do seu nacemento en 1837. A cantora do Sar, que pediu nos seus derradeiros alentos que lle abrisen a fiestra da súa casa padronesa para ver o mar arousán, o das inchadiñas brancas velas, está na admiración, no corazón e nos beizos dun número xa incalculábel de persoas en todo o mundo, que valoramos nela a súa infinita capacidade de emoción e beleza, o compromiso coa Terra e coa Lingua, a súa afouteza feminista, a súa identificación coas clases máis humildes, a súa solidariedade cos emigrantes e coas “viúvas de vivos” e o seu sentir xustificada carraxe fronte ás inxustizas que se cometían arreo contra as multitudes que constituían a “soa e verdadeira xente do traballo” do país, fose nos agros, fose nas praias e ribeiras do mar.