Culturmar (Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial) convoca cada dous anos dende 1993, o Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia entre as súas asociacións. A este evento están convidados tódalas asociacións pertencentes a Culturmar e entidades afíns, tanto de Galicia como de Portugal, Irlanda, Francia, País Vasco, Cataluña, Andalucía, Levante ou Illas Baleares, así como particulares e institucións de interese cultural e patrimonial.

O Encontro consiste nunha gran concentración de embarcacións tradicionais representativas do patrimonio marítimo galego, así como doutras zonas xeográficas, acompañados de actos culturais e de lecer, xornadas de conferencias, coloquios, exposicións, publicacións, música e danza tradicional, artesanía, etc.

A celebración do mesmo, ten por obxecto principal poñer de manifesto a riqueza do patrimonio marítimo e fluvial galego e a necesidade de conservalo. Por outra banda, os Encontros serven para amosar o traballo no eido da recuperación do patrimonio feito polas asociacións, é ó mesmo tempo, supón unha actividade de dinamización social e de lecer, converténdose nunha festa atractiva para os cidadáns e visitantes da vila que acolle o Encontro.

É preciso subliñar un aspecto que non sempre é percibido en relación ao traballo que ven desenvolvendo Culturmar respecto do patrimonio marítimo e fluvial galego en xeral e dos Encontros de Embarcacións Tradicionais en particular. Referímonos ao potencial como elemento de dinamización das comunidades mariñeiras.

Os Encontros dinamizan sectores como a carpintería de ribeira, a velaría, os efectos navais, artesáns, e sobre todo e na medida que estase a protexer, conservar e divulgar o patrimonio marítimo e fluvial galego, estamos a potenciar os atractivos turísticos das comunidades da beiramar axudando a un turismo sostible, tal e como recomendan os diversos proxectos en marcha da Comunidade Europea e o recente manifesto mundial dos museos co gallo da celebración do día mundial dos museos.


Calquera entidade federada en Culturmar pode presentar un proxecto para acoller no seu ámbito xeográfico a vindeira edición do EETG. Para isto é necesario seguir as “Bases para a presentación de proxectos para sede do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia”. Este documento foi actualizado por última vez en novembro de 2021.