A frota tradicional galega mira ás orixes

[Discurso do presidente de Culturmar, Xosé Luís Sacau Fontenla, na presentación oficial do XVII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia que se vai desenvolver en Ribeira entre os días 17 e 20 de xullo. A presentación realizouse no Auditorio do Museo do Pobo Galego o 20 de xuño de 2025]

A derrota da frota tradicional galega nas últimas edicións do Encontro ten sido todo un reto, digno da épica das grandes aventuras mariñas.

En 2019 puidemos saudar ao veciño Portugal, alén Miño, desde as augas bravas da Guarda; no 21 tivemos que poñernos á capa da tempestade do COVID, que nos obrigou finalmente a suspender o Encontro de Moaña; e en 2023 renacemos visitando as augas do norte, no acubillo de Sada, mirando case de esguello a ese Cantábrico que se podía adiviñar á volta dos grandes cabos que miran a Irlanda.

Tras estes episodios recentes, o Encontro volve, nesta nova singradura, como procurando un descanso, un acougo materno, o retorno ao porto de partida.

Acougo por reunírmonos na serenidade e amplitude do gran mar interior de Galicia, como é a Ría da Arousa, e materno por ser Ribeira o lugar onde todo comezou: a frota tradicional galega, na súa XVII edición, pon rumbo ás orixes.

A comezos dos anos 90 producíronse varias circunstancias afortunadas que abriron camiño ao que representa tres décadas despois o movemento galego en prol da nosa cultura marítima e fluvial.
Unha delas foi o achado dos restos dunha lancha xeiteira no areal de Caldebarcos, barcos que foran orgullo das comunidades mariñeiras das nosas rías e que, na altura, ficaran desaparecidos. Aquela tipoloxía recuperouse felizmente na Escola A Aixola de Marín, e hoxe as velas das xeiteiras volven lucir impoñentes entre nós.

Xunto a este déronse outros factores, como foi o recoñecemento do valor das embarcacións tradicionais, elementos nos que se visibiliza a esencia mariñeira dun país, cunha fonda compoñente antropolóxica, etnográfica, cultural e tamén económica. Aí estiveron nomes, algúns aquí presentes, que percibiron con toda claridade a importancia de traballar de forma decidida na salvagarda dese patrimonio único. A isto sumouse a produción de diversos estudos, proxectos e ensaios sobre a construción naval en madeira, sobre a diversidade tipolóxica, características e usos dos barcos, e demais aspectos relacionados coa
contorna humana que rodea cada un deses artefactos.

O caldo primixenio completouse coa confluencia de cinco asociacións que conformaron os alicerces do que en breve se convertería na Federación Galega pola Cultura Marítima. Unha Federación que, rexistrada oficialmente en 1994 e engadido poucos anos despois o apelido “fluvial”, foi concibida durante aquel primeiro Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, celebrado en Ribeira un ano antes.

Con estes antecedentes, o Encontro volve, tras outras 15 edicións, ao seo materno, ao lugar onde naceu. É polo tanto un bo momento para mirar a popa e proa: toca reflexionar sobre o que fomos e o que somos, e pensar no rumbo que queremos trazar no futuro. Por popa imos deixando, sobre todo, unha longa estela de traballo e ilusión; tamén éxitos e algúns fracasos.

Galicia é recoñecíbel no mundo por conservar unha cultura propia, rica e diversa, á vez que proxectada a todos os mares e a todos os continentes. Mostra desta singularidade é o interese espertado en moitas persoas que, cunha profunda visión etnográfica, deron pé a obras senlleiras nas que o noso país foi protagonista. Como exemplos disto podemos falar de Ruth Matilda Anderson, que retratou un país de mulleres afoutas en diálogo harmónico cun medio natural vivo e exixente; de Dorothé Schubarth que,
impresionada pola súa riqueza, recolleu xunto con Antón Santamarina un dos máis importantes catálogos da música de transmisión popular que existen no mundo; ou do propio Staffan Mörling, que recoñeceu a importancia dos pequenos “barcos dos pobres” como eses obxectos que representan de xeito singular a inseparábel unidade de Galicia co mar. Un mar que, en palabras de Ivone Baptista, outra das grandes coñecedoras e admiradoras da nosa cultura, permite que o noso territorio humano sexa moito máis extenso que o que vén delimitado polas fronteiras físicas.

Catro nomes “estranxeiros” que podemos considerar galegos en toda regra, e que contribuíron de maneira decisiva a poñer esta “fisterra” continental no centro do mar e nun dos cumes culturais de Europa.

Tamén no centro deste xeito de facer e de pensar é onde toma corpo o Encontro, porto franco onde arriban sensibilidades e achegas de diferentes procedencias para crear un proxecto común e inclusivo: desde os barcos galegos e portugueses ao Cantábrico e Mediterráneo, desde os países irmáns de Irlanda e Bretaña ás augas do Pacífico Chileno, desde as entidades e asociacións de base ás institucións, desde o tecido social ao económico ou desde o mundo da cultura popular ao da academia.

Un Encontro que vai superando etapas e dificultades, e que se vai adaptando necesariamente aos novos tempos e desafíos, pero que non abandona a súa filosofía fundacional: a de ser un proxecto colaborativo, compartido, integrador e sumativo. Unha forma de facer que permite multiplicar recursos e obter uns resultados alén dos que se poderían esperar dos fríos números das contas de ingresos e gastos.

E se en popa deixamos traballo e ilusión, o que nos queda na proa é … máis traballo e máis ilusión, no empeño de seguir concitando esforzos e apoios desde diversos ámbitos e con variadas perspectivas. Entre os esforzos cabe salientar a multitude de proxectos nacidos ao longo do tempo, e que temos obriga de materializar, coa ilusión de que poidan verse finalmente superados algúns dos vellos obstáculos que aínda ameazan aos colectivos e entidades que traballamos de maneira cooperativa pola
cultura marítima e fluvial galega.

Falamos, como non, da necesidade de dotar á frota tradicional dos espazos portuarios que garantan a súa salvagarda e a súa actividade social -as chamadas Mariñas Tradicionais-; de establecer unha normativa de
navegación adaptada ás circunstancias especiais das embarcacións tradicionais que permita a estes barcos operar en condicións de plena seguridade legal; de favorecer a construción en madeira como actividade económica con futuro e de baixo impacto ambiental, potenciando unha explotación forestal de alto valor engadido e respectuosa co medio; ou da preservación dos oficios tradicionais, como o da carpintaría de ribeira, favorecendo a renovación xeracional e o recoñecemento profesional a través
dunha formación profesional regrada.

Son metas longamente debatidas e agardadas, que atoparon recentemente un importante pulo a través do Plan da Cultura Marítima de Galicia; un documento impulsado pola Consellaría do Mar e participado por moi diversas instancias -desde o mundo académico ao profesional ou ao da acción social e cultural-, no que aquelas necesidades, transformadas xa en obxectivos e estratexias, atopan un encaixe perfecto.
Só falta poñer en práctica de xeito decidido aquilo que queremos e no que cremos, e que pasa por activar as medidas precisas e os recursos conducentes ao logro dos obxectivos marcados.

Neste camiño cada novo Encontro é unha recalada na que, como tamén facían os nosos vellos mariñeiros, partillamos diante dunha cunca de viño as impresións sobre como foi a faena, ou sobre a faciana do ceo nos días que virán.

Así, entre todos os portos, Ribeira convértese nesta ocasión, coa celebración do XVII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, co “Retorno ás Orixes”, no lugar onde todas as tripulacións que navegamos no gran barco da cultura mariñeira, desde as altas institucións á máis nova das nosas
navegantes, contribuímos a cazar a escota o xusto para conquistar definitivamente o barlovento que perseguimos.

Amigas e amigos: co obrigado agradecemento ás moitas entidades e persoas que colaboran na organización deste novo Encontro e co convite expreso a embarcar novamente na gran festa galega da cultura mariñeira, poñemos proa ás orixes, poñemos … Proa a Ribeira!