Constituído o comité Organizador do XVII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia

Xa está constituído o Comité Organizador do XVII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, a gran celebración galega do patrimonio marítimo e fluvial, que cada dous anos organiza a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial – Culturmar e que nesta virada porá proa a Ribeira, da man da Real e Ilustre Cofradía da Dorna e do Concello de Ribeira. O XVII Encontro celebrarase entre os días 17 e 20 de xullo de 2025.

O Comité Organizador, presidido por Culturmar, está integrado, ademais, pola Xunta Directiva da Federación, así como por distintos membros  da asociación anfitrioa e do Concello ribeirán, xunto con representantes doutras entidades da vila relacionadas co mundo do mar e da cultura. Na reunión de hoxe en Ribeira estiveron, ademais do presidente de Culturmar, Xosé Luis Sacau, e outros representantes da Federación; os concelleiros de Cultura e Mar, Antía Alberte e Fernando Abraldes, respectivamente; e Anxo García, da R.I. Cofradía da Dorna. Previamente a constitución do Comité Organizador, celebráronse dúas reunións, unha co alcalde ribeirán, Luis Pérez Barral; e outra con José Antonio Pérez Sieira, patrón maior da confraría de Ribeira, ademais de presidente da Federación Galega de Confrarías. Pérez Sieira manifestou a disposición da confraría a colaborar no Encontro.

Coa súa constitución e a distribución de tarefas nas distintas comisións creadas no seo do Comité, danse por iniciados os traballos de organización do Encontro, que durante máis dun ano ocuparán a ducias de persoas voluntarias e que terán como traca final a celebración do XVII Encontro, que con seguridade será de novo un éxito de público atraído por un completo programa de actividades en terra e no mar, todas elas arredor da cultura mariñeira galega, e coa participación das entidades irmás doutras comunidades europeas que habitualmente están presentes nos Encontros.

Os primeiros pasos tras o arranque do Comité serán a convocatoria de cada unha das Comisións, que terán como cometido a xestión da Comunicación, o Voluntariado, o Programa de Mar, o Programa Cultural e a Loxística en Terra, así como a elaboración do proxecto e do orzamento, o deseño da imaxe corporativa, os primeiros actos de divulgación ou as entrevistas oficiais coas administracións e entidades colaboradoras, como a Consellaría do Mar; Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude; Consellería de Economía e Industria; a Deputación da Coruña, Portos de Galicia, ou o GALP da Ría da Arousa.

Coa ilusión de chegar como sempre a bo porto, o Comité deixou xa expresado o seu desexo de que o XVII Encontro sexa de novo a gran festa do mar de Galicia.