O Concello do Grove convoca a II edición deste Premio de Investigación e Cultura Marítima coa finalidade de honrar a figura e a memoria de Xosé Luís Rei Núñez (1960- 2015) e, asemade, fomentar a investigación e a recuperación no campo do patrimonio e cultura marítima.
Xosé Luís Rei Núñez é recoñecido polo seu compromiso cívico coa vila que o veu nacer e con Galicia toda, polas importantes iniciativas culturais que desenvolveu no Salnés, polas variadas investigacións socioculturais que realizou vinculadas ao Concello do Grove, por ser unha das máximas autoridades nas figuras relevantes do poeta Ramón Cabanillas e do agrarista Basilio Álvarez e por ser isto fundamental do movemento de recuperación e socialización do patrimonio marítimo galego e das súas embarcacións
tradicionais.
Este premio vaise rexer polas seguintes BASES
PRIMEIRA.- Poderá concorrer a este premio calquera persoa física que presente un traballo, en galego, vinculado co patrimonio e a cultura marítima e fluvial e/ou a súa recuperación ou vinculado coa Historia e Cultura de O Grove e O Salnés.
Os textos presentados, amais de seren inéditos e totalmente orixinais, non poderán ter sido publicados, ou divulgados, en todo ou en parte, por calquera medio físico ou electrónico. Os textos presentados han ter unha extensión mínima de setenta e cinto (75) páxinas e unha extensión máxima de cento cincuenta (150) páxinas, tamaño folio DIN A4, con tipografía Arial de 12 puntos, espazo entre liñas de 1,5 (espazo e medio) e follas paxinadas.
SEGUNDA.- De cada un dos textos concorrentes, presentaranse cinco copias en papel e unha en soporte dixital, nun documento de procesador de textos, antes do 30 de outubro de 2025. As copias deberán ser remitidas ao enderezo seguinte:
II Premio de Investigación e Cultura Marítima Luís Rei
Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey
Rúa Monte da Vila, 11
36980 O Grove
Pontevedra
O prazo de inscrición estará aberto dende o día seguinte á publicación do extracto desta convocatoria no BOPPO da provincia de Pontevedra ata o 30 de outubro de 2025, incluído.
TERCEIRA.- Xunto co texto en papel e en soporte dixital, que será enviado sen que sexa recoñecible a autoría da escritora ou escritor e que irá precedido polo título e o lema escollido, xuntarase un sobre pechado que leve escrito por fóra “II Premio de Investigación e Cultura Marítima Luís Rei”, o lema e mais o título e que no seu interior conteña o nome, apelidos e NIF, enderezos postal e electrónico, e os teléfonos de contacto da súa autora ou autor.
CUARTA.- O xurado, cuxos membros serán dados a coñecer antes da concesión do premio, estará composto por cinco especialistas ou persoas de recoñecido prestixio relacionadas co mundo da cultura marítima galega e/ou historiadores e coñecedores da historia e cultura do Grove e os Concellos do Salnés. Un deles será a gañadora ou gañador da edición anterior do premio, tres serán nomeados polo Concello do Grove e o restante participará en representación de Culturmar (Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial). O premio único outorgarase por maioría simple de votos. Actuará como secretario/a do xurado, con voz e sen voto, un/ha técnico/a do Concello do Grove. Tamén poderá estar presente durante a deliberación a/o Concelleira/o delegada/o.
QUINTA.- Calquera incidencia ocasionada na interpretación destas bases será solucionada pola maioría simple dos membros do xurado. A decisión deste, que será inapelable, darase a coñecer sempre antes de finais de decembro de 2025.
SEXTA.- O premio, que é indivisible, poderase declarar deserto, caso de o xurado así o estimar en decisión inapelable. Para tal circunstancia, de cinco votos posibles, terá que darse o caso de que unha obra non sume un mínimo de tres dos votos do xurado.
SÉTIMA.- A entrega do premio terá lugar nun acto público a celebrarse no Grove, en local e data que se anunciarán coa suficiente antelación.
OITAVA.- O texto premiado quedará en propiedade do Concello do Grove, a quen se lle permite o seu uso e difusión por todos os medios, sen xerar iso ningún tipo de custo económico por dereitos de autoría nin outros conceptos. Para a súa publicación os textos poderán ser revisados lingüisticamente. O Concello do Grove podería asinar convenio con algunha editorial para a publicación dos traballos premiados nesta e en futuras edicións e reservarase o dereito de publicación. Todo isto sen menoscabo do regulado pola Lei da propiedade intelectual vixente, que prevalecerá sobre o convenio mencionado.
NOVENA.- O premio está dotado con 1.500 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 334.48102 do orzamento de gastos do exercicio 2025, e financiado pola Liña 2 do “Plan Máis Provincia” 2025 da Deputación Provincial de Pontevedra.
A contía está suxeita á correspondente retención fiscal. A persoa beneficiaria deberá acreditar que se atopa ao corrente das obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e non é debedora por resolución de procedencia de reintegro ou ben autorizar ao concello para obter as certificacións da AEAT e da Tesourería Xeral da Seguridade Social nas que se acredite que se atope ao corrente das obrigas sinaladas.
DÉCIMA– Os orixinais non premiados poderanse recuperar, con cargo ás autoras e autores concorrentes, pasados quince días da data do veredicto. Os orixinais que non fosen retirados destruiranse pasados trinta días da emisión da decisión do xurado.
BASE FINAL.- A participación neste premio significa a completa aceptación das presentes bases e mais das decisións do xurado que se designe.