Presentado en Ribeira o cartel e o vídeo promocional do XVII Encontro de Embarcacións

O sábado presentouse oficialmente en Ribeira o XVII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que se celebrará entre os días 17 e 20 de xullo de 2025. Este ano, o Encontro volve ás súas orixes xa que foi en Ribeira onde se celebrou a primeira edición no ano 1993 .

Na organización deste 17 Encontro participan Culturmar, o Concello de Ribeira e a Real e Ilustre Confraría da Dorna. Nunha rolda de prensa conxunta, presentaron conxuntamente o cartel oficial e o vídeo promocional do evento, xunto con algunhas das actividades que se levarán a cabo ao longo de catro días.

Os organizadores deste Encontro prevén unha gran asistencia de barcos, puidendo alcanzar as 150 embarcacións que chegarán a Ribeira desde distintos puntos da península, de Europa e incluso de América, cunha delegación que nos visitará desde Chile.

O presidente de Culturmar, Xosé Luis Sacau, fixo un chamamento á participación cidadá para que decore as casas e balcóns con motivos mariñeiros “para que Ribeira sexa o epicentro da cultura marítima a nivel mundial”. Tamén destacou a importante labor do voluntariado, “unha das pezas básicas dos encontros” e anímaos a facelo para “que se sintan partícipes da festa”. Pola súa parte, o alcalde, Luís Antonio Pérez Barral, sinalou que “entre os días 17 e 20 de xullo, vaise ver a todo un pobo unido festexando de onde vén e, sobre todo, a onde quere ir”. Ademais, o presidente da Real e Ilustre Confraría da Dorna de Ribeira, Juan José Segade, explicou o forte vínculo de Ribeira coa tradición mariñeira: “A nosa cultura saíu do mar e aínda hoxe en día somos un punto neurálxico da tradición marítima”.

Ao remate da presentación, visionouse o vídeo promocional, que contou coa colaboración desinteresada do artista local Quico Cadaval, que pon a voz, e de Catuxa Salom, que cedeu a música.

Na páxina web do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia poderedes atopar xa un adianto da programación cultural para todos os públicos prevista para eses días, que inclúe concertos, teatro, títeres, coloquios, artesanía, exposicións, obradoiros e monólogos. Tamén poderedes ver o vídeo promocional e toda a información relativa ás embarcacións inscritas e un formulario e información sobre o voluntariado.