Da man das persoas voluntarias que forman parte do consello de redacción da revista Nova Ardentía, Culturmar (entidade de Acción Voluntaria de Galicia) levou a cabo o proxecto De Ribeira a Ribeira. Nova Ardentía nº17 e que contou co patrocinio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e coa colaboración dos concellos de Ribeira, Muros, Outes, Tomiño, Boiro e da Deputación Provincial da Coruña, xunto coas entidades Buxa, Asociación Galega do Patrimonio Industrial e Namoreiras, para a consecución da publicación dun novo número da Revista Nova Ardentía.
O principal obxectivo perseguido por Culturmar coa realización deste proxecto de voluntariado sénior é o da difusión e promoción do patrimonio e da cultura vinculada aos mares e ríos de Galicia entre a poboación en xeral. Ademais, búscase a visualización e posta en valor das persoas maiores como un colectivo fundamental na difusión de coñecementos sobre as embarcacións tradicionais galegas e do patrimonio mariñeiro, potenciando a imaxe social do voluntariado maior coa súa participación activa e eficiente na entidade na procura de promover un relevo xeracional e concienciar da necesidade de salvaguardar este rico patrimonio.