Os catro días do Encontro en Ribeira puxeron o peche de ouro a máis dun ano de intenso traballo para sacar adiante a 17 edición dunha das maiores festas da cultura marítima e fluvial do mundo. Foi o de Ribeira un Encontro que bateu moitas marcas. Un evento que serviu para compartir saberes e alertar da problemática arredor da construción naval en madeira, a renovación xeracional, a seguridade na navegación, ou o mantemento da frota, problemas que van máis alá das fronteiras galaicas. A Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, Culturmar, é a principal entidade organizadora deste evento. Co seu presidente, Xosé Luís Sacau, falamos para que nos contase as súas impresións tras ter dixerido o “completo éxito” deste Encontro, que volveu a Ribeira 32 anos despois de velo nacer no ano 1993.
Supoño que xa cos ánimos algo máis relaxados e coas emocións repousadas, poderías describir como foi o XVII Encontro de Embarcacións Tradicionais?
A nosa valoración é de completo éxito polo número de barcos e tripulantes, pola numerosa e diversa representación doutros países ou pola asistencia de público. Pero fóra números, a maior satisfacción está na confluencia de moitas asociacións e entidades que puideron poñer en común de xeito directo as súas iniciativas e proxectos, compartindo saberes e prácticas, así como as dificultades e ameazas que aínda debemos enfrontar.
Alcanzou ou superou as expectativas previstas?
Canto ás expectativas numéricas, cumpríronse as estimacións, o que nos fai pensar que a análise previa de afluencia foi acertada en todos os aspectos; unhas estimacións que son imprescindíbeis xa que é necesario definir a dimensión dos amarres e fondeadoiros, o número de comidas para as tripulacións ou outras accións que debemos prever. No tocante a outros elementos a ter en conta, si que podemos afirmar que se superaron expectativas, por exemplo, na afluencia de público ás actividades, especialmente nos programas divulgativo, audiovisual ou infantil.
É este evento o maior escaparate da riqueza do noso patrimonio marítimo-fluvial?
Sen dúbida. Todos os colectivos que integran Culturmar teñen un intenso programa anual de actividades de divulgación, tanto a nivel local como no ámbito galego ou exterior, que culmina cada dous anos nesta gran festa. E alén do obxectivo de presentar ante o público un gran museo flotante arredor dos barcos, cabe tamén a reflexión sobre a problemática e os logros do pasado inmediato, así como sobre os pasos a dar colectivamente no futuro próximo.
Ribeira marcou un récord en canto a barcos inscritos. A que cre que responde esta gran resposta e interese?
Hai, ao noso entender, dous factores que contribuíron a que o número de inscricións fose dos máis altos rexistrados. Por un lado, o crecente interese de distintas entidades de diversa procedencia en tomar parte no Encontro, o que dá conta do bo nome que ten a nivel internacional. É de salientar neste punto a participación por primeira vez dunha expedición chilena, representante da cultura marítima suramericana e pacífica, ou a gran representación portuguesa. Pero tampouco debemos esquecer que a Ría da Arousa é a maior potencia galega en navegación tradicional, e o feito de ser Ribeira a sede deste Encontro facilitou enormemente a participación de barcos procedentes dos colectivos desta ría.
O Encontro nacía nesta vila en 1993 e volveu 32 anos despois. Como foi a evolución desta festa nestas tres décadas?
Foi enorme, como é doado de explicar. Se o primeiro Encontro contou coa participación de 5 colectivos, unha pequena frota e un reducido programa de actividades, neste momento o Encontro supera xa de lonxe o cento de barcos, o medio cento de colectivos (entre os membros de Culturmar e outras asociacións e expedicións irmás), un intenso programa de catro días, a colaboración das máis altas institucións galegas e do tecido asociativo, comercial e profesional e, finalmente, unha importantísima penetración en medios de comunicación. Todo isto é froito do labor de moitas persoas ao longo dos anos que, sen pasar por alto algúns momentos en que houbo que superar situacións de enorme dificultade, foi logrando consolidar un modelo organizativo que distingue ao Encontro e permite garantir a súa continuidade cada dous anos.
Era preciso volver ás orixes para demostrar, que?
Este Encontro foi especial desde o punto de vista sentimental, por representar o retorno ás orixes, circunstancia que deu pé a facer un exercicio de retrospectiva do que a día de hoxe é Culturmar, o seu labor no pasado e a súa contorna actual de relacións. Con todo, en Culturmar acostumamos a defender a idea de que o Encontro é sempre unha festa galega da nosa cultura, independentemente do lugar onde se celebre, e desde este punto de vista todos os colectivos son partícipes da súa organización e do seu éxito, continuidade dos anteriores e antecedente dos que lle seguirán.
Ademais de barcos e navegacións, houbo unha completa programación cultural para todo tipo de público que foi todo un éxito de asistencia e participación. Onde está a clave do éxito?
Pensamos que o éxito débese en grande medida á confluencia de moitas sensibilidades e intereses diferentes que se ven representadas na elaboración deste programa, desde o tecido asociativo arredor da cultura mariñeira (presentacións, exposicións …) á participación activa de colectivos de persoas con diversidade ou mesmo ao amplo programa dedicado ás crianzas. O feito de que o Encontro ofreza actividades dirixidas a todo o espectro de público fai que sexa atractivo para todos eles, como así se demostrou pola gran afluencia de xente a todas elas.
Ademais da nutrida representación de embarcacións galegas, estiveron presentes delegacións que chegaron doutros puntos de Europa e incluso desde o continente americano. Que teñen estes encontros para que o interese en asistir aumente en cada nova edición?
O Encontro, ademais de ofrecer unha fermosa estampa arredor dos barcos, velas, remos, manobras etc, pon o seu centro de atención na transmisión de saberes e de iniciativas. A posibilidade de compartir proxectos de xeito directo, nun recinto apropiado e nun ambiente cordial, por parte de múltiples entidades que navegan cun mesmo rumbo, fai do Encontro un foro de especial interese. Nesta edición, a carpintaría de ribeira foi un deses grandes centros de atención, que atraeu aos membros de todas as expedicións xunto cos nosos colegas de Agalcari, e que abriu a porta a novas vías de colaboración no futuro.
Unha das grandes novidades desta 17 edición foi a presenza dunha delegación de Chile. Como xurdiu esta alianza?
Culturmar coincidiu coas compañeiras e compañeiros de Chile durante a celebración do pasado III Itsas Festibala de Pasaia, en 2024, ao que a Federación asistiu para, entre outras cousas, presentar o noso XVII Encontro. Froito deste primeiro contacto xurdiu a oportunidade de divulgar o Encontro e o resto das iniciativas da Federación, altura na que naceu o interese por parte do SERPAT da Rexión dos Lagos de Chile para participar de xeito activo e intenso no Encontro. A expedición chilena tivo un especial interese en compartir cos nosos carpinteiros de ribeira, e isto materializouse en varios encontros con Agalcari, na presentación de varias palestras arredor da salvagarda da cultura mariñeira en Chile ou mesmo na participación da Chilota, barco representativo desta rexión chilena.
Viñeron tamén por primeira vez a Galicia do golfo de Morbihan, na Bretaña francesa…
Esta participación é de novo froito da expansión das relacións internacionais, neste caso derivada da presenza galega no festival de Brest 2024, onde se fixeron os primeiros contactos que derivaron nunha posterior expedición galega á XIII Semaine du Golfe du Morbihan, xa en 2025, correspondida en reciprocidade coa presenza bretoa no XVII Encontro.
Os veciños portugueses participaron un ano máis neste Encontro cunha ampla representación. É xa unha relación consolidada?
Desde logo, cada vez máis. A colaboración con Portugal é delongada no tempo e estratéxica para Galicia. De feito, desde o nacemento da Federación contamos con algunhas compañeiras e compañeiros portugueses que foron almas fundacionais da mesma, e os intercambios con diferentes asociacións portuguesas, especialmente do norte, foi permanente. Nesta ocasión atopamos un Portugal inmerso nun proceso de reestruturación do seu movemento de salvagarda da cultura marítima, que permitiu unha maior presenza de barcos, unha maior afluencia de asociacións e unha maior extensión xeográfica representada no Encontro.
A delegación vasca de Albaola volveu sorprender coa súa paixón e compromiso nas tarefas de recuperación do patrimonio marítimo vasco. Que podemos salientar do seu xeito de traballar?
Se algo caracteriza a Albaola é a capacidade de ter organizado un proxecto integral arredor da construción na Nao San Juan, que incorpora desde o estudo histórico á recuperación das técnicas construtivas, e todo isto complementado por unha proposta formativa e divulgativa moi completa e interesante.
Que pode facer Culturmar para conseguir que en Galicia aumenten os recursos e o compromiso a prol da recuperación de embarcacións tradicionais, a investigación do patrimonio costeiro e fluvial e a súa difusión?
Culturmar está participando de maneira activa en todos os foros que viran arredor do mar, exercendo un papel que poderiamos asimilar ao dunha entidade con carácter consultivo, en proxectos como o PCUMA, SeaLabHaus, Mardevelas, Censo de Embarcacións Tradicionais ou outros. Esta participación permite crear un ecosistema compacto no que o resto de entidades e institucións presentes se sintan comprometidas a vogar no mesmo rumbo; un ecosistema no que están as consellarías, entidades como Portos de Galicia, universidades, deputacións, concellos ou o tecido asociativo ou empresarial, e que debe impulsar a todos estes actores a poñer os seus recursos ao servizo dos obxectivos comúns.
Cal é o común denominador de todas as entidades participantes, tanto de dentro como de fóra do país?
Cando falamos, ben de xeito formal nunha presentación ou mesa de debate, ou ben de xeito informal diante dun vaso de viño, vemos que a problemática arredor da construción naval en madeira, a renovación xeracional, a seguridade na navegación, o mantemento da frota, a divulgación etc é común. E xunto a esta problemática, aparecen tamén todas as iniciativas que nos distintos países se están a desenvolver para a superación daqueles obstáculos. Compartir unhas e outras é o que dá sentido ao Encontro, que se converte así no punto de chegada e de partida de todas as expedicións xunto coas asociacións galegas do patrimonio arredor do futuro da navegación tradicional, da construción en madeira ou, en xeral, do patrimonio marítimo e fluvial.
En canto a asistencia, e sen coñecer o número de visitantes, o certo é que a zona onde se situaron as carpas e onde estaban fondeados os barcos era un fervedoiro de xente. Quen é o público deste evento?
Temos principalmente dous tipos de público: un público de carácter familiar, atraído polo espectáculo da exhibición dos barcos amarrados ou navegando e polas exposicións e actividades lúdicas, e outro máis especializado que procura un contacto máis achegado á cultura, ao patrimonio e á aprendizaxe. Na xusta combinación dunha oferta de actividades que satisfaga ambos intereses está a chave do éxito.
Que ven buscando a xente?
O Encontro ofrece un entorno amábel, de convivencia e de aprendizaxe, lonxe doutras propostas de entretemento comercial, de consumo ou de masas que non representan unha auténtica transmisión de saber. Así, a cultura por un lado e o desfrute sensorial da navegación tradicional por outro, aliñadas cun programa de actividades de lecer non mercantilizado fan unha combinación perfecta para que resulte atractiva a diversos públicos que procuran unha proposta non convencional e respectuosa co medio.
Mención especial merece ese cento de persoas voluntarias que traballou arreo para que este Encontro saíse adiante. Tamén é unha cifra de récord, verdade?
Certamente. Entre os seus principios, o Encontro sempre defendeu que o voluntariado é imprescindíbel para o seu éxito, que o voluntariado cultural é un valor único para o crecemento persoal e social e que debe ser considerado como parte integrante da organización. Con estas premisas, o proxecto de voluntariado, ademais de lograr altas cifras de inscrición, consegue por un lado enganchar persoas nas asociacións da localidade onde se celebra o Encontro e, ademais, manter no tempo o interese de moitas persoas por enrolarse no movemento de salvagarda da cultura e do patrimonio marítimo e fluvial, como así o demostra o feito de que houbese un bo número de voluntarias e voluntarios veteranos de anteriores edicións.
Que mensaxe lle quere transmitir?
Penso que a mensaxe está máis que transmitida: unha sociedade é tanto máis avanzada canto maior é o compromiso persoal da cidadanía e canto maior é a súa implicación con todo o que é público e de proveito para o ben común. Desde esta perspectiva o voluntariado cultural é unha das ferramentas máis importantes para facer que a xente se sinta partícipe dos proxectos colectivos e que se faga á súa vez parte da cadea de transmisión do valor do patrimonio e da cooperación.
Culturmar organizou este Encontro xunto coa Real e Ilustre Confraría da Dorna e co Concello de Ribeira. Como valora o traballo conxunto?
A participación das entidades locais é indispensábel en moitos aspectos, xa que o Encontro vén ocupar un espazo alleo e precisa de quen lle abra as portas da súa casa. Ademais, favorece a resolución de problemas de carácter técnico á vez que permite atraer propostas culturais locais que amplían a oferta de actividades do Encontro, facendo que o programa resulta máis completo e achegado á localidade.
A Xunta de Galicia e a Deputación foron algunhas das entidades patrocinadoras. Que mensaxe lles quere enviar?
Os patrocinios das institucións son imprescindíbeis para o bo fin dun proxecto desta envergadura, e non só falamos desde o punto de vista económico, senón tamén favorecendo a ocupación de espazos portuarios, permisos, convenios de colaboración e demais, que fan posíbel que o alcance do Encontro vaia máis aló dunha conta de ingresos e gastos. En particular, as diferentes consellarías, desde os seus ámbitos de acción, e as deputacións, neste caso a da Coruña, conforman unha base financeira importantísima, que vén dar continuidade a outros moitos proxectos que Culturmar ten abertos e que envolven directamente ás institucións galegas.
E tamén moitas pequenas empresas, asociacións e entidades que colaboraron activamente. Pode facerse un evento deste calibre sen todo este respaldo?
Decididamente non. Se cuantificarmos todo o esforzo feito nestes catro días de celebración e nos moitos meses que nos trouxeron até aquí, alcanzariamos cifras que a Federación non podería asumir. As achegas por parte do tecido local de todos os ámbitos (social, comercial etc) permiten, ademais de ampliar a magnitude do Encontro, estender a festa facendo deste xeito que resulte un proxecto compartido, lonxe doutras propostas impostadas e estandarizadas.
Aínda que parece claro que esta edición foi todo un éxito, sempre hai marxe para mellorar. Que cousas cres que habería que corrixir, implementar ou evitar con vistas ao Encontro de 2027?
Sempre hai melloras que acometer, e ese é un dos obxectivos que nos marcamos para a análise e o debate na vindeira asemblea de Culturmar, onde teremos ocasión de facer unha valoración desde dentro. En calquera caso, como xa dixemos, o Encontro é unha celebración itinerante e, como tal, é un proxecto en permanente evolución, corrixindo erros ou concibindo novas accións de xeito constante.
Porque en dous anos Galicia volverá ser o epicentro mundial da salvagarda e posta en valor do patrimonio marítimo, certo?
Esperamos que, aproveitando as sinerxías logradas neste Encontro con outras expedicións, en dous anos poidamos seguir con esta liña de ampliar contactos e vías de cooperación, ampliando tamén a expansión da Federación a algunhas zonas xeográficas nas que aínda non temos implantación, aumentando as relacións con outras asociacións e entidades, avanzando nos proxectos que aínda temos en marcha ou contribuíndo á renovación xeracional. De certo que, con esforzo e espírito de colaboración, o seguinte Encontro será de novo un éxito.