Boa travesía, carísima Ivone!

Fechando estes días pasados o proceso de recepción de materiais para o novo número da revista Nova Ardentía, o 18, que sairá do prelo en breve, estrañounos moito que non chegase a tempo un traballo sobre os barcos moliceiros comprometido no seu momento pola nosa benquerida compañeira no consello de redacción, Ivone Baptista de Magalhães, que non faltou nunca á cita coas páxinas da Ardentía / Nova Ardentía desde o primeiro número, iluminándonos co seu saber inmenso, coa súa escrita rotunda, coa súa conversa entusiasta e apaixonada.

Aconteceu que a súa heroica e teimuda loita contra o cancro estaba a afrontar a recta final e o venres 24 de abril (véspera dese 25 de Abril en Portugal que xa é memoria eterna de liberdade e alegría para todos os pobos do mundo que pola Historia transitan e han de transitar), bátenos a tristísima nova do seu falecemento.

Que dicer de Ivone como activista da cultura marítima que non fique en excesivamente curta homenaxe pola nosa banda a todo o seu esforzo xeneroso e a toda a súa traxectoria? Que dicer da compañeira no consello da revista, da directora do Museu Municipal de Esposende, da divulgadora científica, da directiva de Barcos do Norte, da protagonista de tantas xeiras e iniciativas da Federación-Culturmar ao outro lado do Miño? Que dicer da amiga que parte agora para os descoñecidos mares de alén?

Un silencio emocionado, inevitabelmente bañado en bágoas de tristura, falará por nós da perda tan grande que acabamos de padecer.

Como consolo, o feito de que todos os magníficos traballos que encerra a colección da nosa revista son xa parte consubstancial do tesouro que a queridísima Ivone deixa en herdo para todos e todas nós, para sempre.

Un beijo cálido e infinito de toda a Culturmar para ti, nosa amiga da alma!

Boa travesía!

TEXTO: Emilio Insua, coordinador da revista Nova Ardentía