A Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar) retomou no ano 2022 a extinta ‘Copa Galicia de dornas a vela’, rebautizándoa co nome de ‘Copa Mörling’, como mostra de agradecemento a toda a labor realizada en prol da salvagarda das embarcacións tradicionais galegas polo etnólogo e antropólogo sueco Staffan Mörling. Culturmar considera “que non hai mellor forma de homenaxear a figura deste bueuense de adopción que fomentando a exhibición de saberes de navegación tradicional e de embarcacións que supoñen as regatas de dornas a vela”.
Entre os meses de xuño e setembro, varias vilas das Rías Baixas. Portonovo, Cambados, O Grove, A Illa de Arousa ou Combarro son algunhas das vilas que acollen estas competicións desde o seu nacemento. Son regatas de, aproximadamente, dúas horas de duración e que se celebran case sempre os sábados pola tarde.
As regatas de dornas a vela, lonxe de ser unha mera competición deportiva, son unha demostración de saberes tradicionais que forman parte do rico patrimonio inmaterial que supón a navegación tradicional con vela de relinga. Co obxectivo de promover e estimular a partipación neste tipo de eventos, Culturmar conseguiu unificar algunhas regatas de dornas a vela que xa existían en Galicia.
A organización deste evento persegue, sobre todo, conseguir unha maior difusión entre o público xeral das dornas como patrimonio material e do seu xeito de navegar como patrimonio inmaterial, así como dar a coñecer para que se empregaban estas embarcacións profesionalmente e en que contexto xorden estas competicións informais.
Ademais, a ‘Copa Mörling’ serve para afianzar os lazos de unión entre os diferentes colectivos federados da provincia de Pontevedra e xerar impacto turístico nas vilas costeiras onde se celebra cada unha das xornadas. Ademais de Culturmar, en cada regata son os colectivos de cada vila os que dan o seu apoio.






As regatas son, en xeral, de tipo triangular e preto das radas de cada vila para, deste xeito, mellorar a visibilidade para o público desde terra. A ‘Copa Mörling’ ten un sistema de puntuación para estimular a participación das dornas. Ao final de cada edición, entrégase un trofeo para as embarcacións que queden nas tres primeiras posicións no cómputo xeral. No caso de empate, as dornas farían un largo barlovento-sotavento para desempatar. Ao finalizar cada regata, os colectivos organizadores fan unha xornada de convivencia entre as persoas participantes.









Calquera entidade federada en Culturmar pode presentar un proxecto para acoller no seu ámbito xeográfico a vindeira edición do EETG. Para isto é necesario seguir as “Bases para a presentación de proxectos para sede do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia”. Este documento foi actualizado por última vez en novembro de 2021.