Vinte e cinco dornas comezaron o pasado sábado a IX Regata do Salnés en Cambados, a segunda proba puntuable da Copa Mörling de dornas a vela. Dúas embarcacións da Asociación Cultural Dorna (ACD) da Illa de Arousa, fixéronse cos dous primeiros postos da clasificación. En primeiro lugar, a ‘Pereka’, tripulada por José Antonio Dorado e Alberto Vicente, que conseguiu completar o percorrido nas augas de Cambados nunha hora e 26 minutos. Apenas un minuto despois chegaba á meta a ‘Nécora’, con Braulio García e Avelino Santamaría ao manexo da dorna. O terceiro posto foi para a ‘Miserela’, do Clube Mariño Salnés, con Santiago Fernández e Lucía Diz, que chegaron catro minutos e medio despois dos gañadores. A ‘Fungona’, dos Dorneiros Regateiros de Cambados, foi cuarta, e a ‘Jalerna’, tamén da ACD da Illa, finalizou en quinta posición.
Das 25 dornas que se presentaron na liña de saída, conseguiron completar o circuíto 20. Foi unha tarde apacible de vento maino do sur que, xa na segunda volta, rolou a sursuroeste e cunha forza de entre 5 e 6 nós.

A Regata do Salnés deixa a disputa do campionato bordo con bordo entre as dornas de Cambados e as da Illa. Na Regata da Reiboa, proba celebrada o sábado 13 de xuño en Portonovo, foron as embarcacións cambadesas as que coparon os primeiros postos, coa ‘Fungona’ e o ‘Abuelo Tucho’, do Clube Mariño Salnés, na primeira e segunda posición, respectivamente. Unha semana máis tarde, nunha campo de regatas a medio camiño entre as dúas vilas arousás, foron as dornas insulares as que se tomaron a revancha. E a semana que vén xogarán na casa.
A Copa Mörling continuará o sábado 27 de xuño coa celebración do Triángulo do Cantiño na Illa de Arousa, regata organizada pola Asociación Cultural Dorna e Culturmar. As probas desta quinta edición do campionato continuarán o 4 de xullo no Grove (Regata dos Faros), e rematará o 22 de agosto en Combarro (Poio), coa Regata da Reiboa.