A V Copa Mörling está sendo especialmente xenerosa á hora de repartir os primeiros postos da clasificación de cada regata. Onte celebrouse no Grove a Regata dos Faros, a cuarta das cinco probas do Campionato de Dornas a Vela de 2026. E en ningunha das tiradas celebradas gañou a mesma dorna. A ‘Pereka‘, da Asociación Cultural e Deportiva Dorna da Illa de Arousa (ACD Dorna) lidera até o momento a clasificación xeral. A esta dorna, tripulada por José Antonio Dorado e Alberto Vicente ‘Chica’ e gañadora das catro edicións anteriores deste campionato, séguena de preto a ‘Jalerna’, dos Dorneiros Regateiros de Cambados con Ricardo e Manuel Dios a bordo; e a ‘Fungona’, da patroa Mariña Alonso e o seu pai, Tino Alonso, igualadas as dúas a puntos na segunda e terceira posición. Esta clasificación provisional deixa o resultado final da Copa a expensas da Regata da Reiboa, que se disputará o vindeiro 22 de agosto en Combarro (Poio). Calquera das cinco primeiras clasificadas ten opción de levarse o trofeo de mellor dorna do ano.
A Regata dos Faros de onte estivo condicionada polas altas temperaturas e a situación no mar. Á hora da saída superábanse con creces os 30 graos polo que o percorrido quedou circunscrito a unha única volta. O vento permitiu dar unha saída moi apertada ás 26 dornas inscritas, para abocar directamente a un intenso largo de cinguida no que a frota se foi diseminando polo interior da ría da Arousa, con constantes cambios de posición nos primeiros postos. Nesa altura, as dornas navegaban a bo ritmo mesmo entre os 2 e 4 nós, pero o vento foi indo a menos tralo paso pola boia de barlovento. Nese momento, as primeiras prazas estaban practicamente decididas. A ‘Nécora’, de Braulio García e Adelino Santamaría, dos Dorneiros Regateiros, chegaron nunha primeira e clara posición, mentres ‘Pereka’ e ‘Jalerna’ (segunda e terceira, respectivamente) batallaron en empopada no seu particular duelo desta Copa Mörling. Por detrás, a ‘Fungona’, que compite man a man coas grandes favoritas do campionato. En quinto lugar, a ‘Rosalía’ (ACD Dorna), ‘Xarandeira’ (Fasquía da Illa de Arousa), ‘Fuxe’ (Asociación de Amigos da Dorna Meca) e ‘Abuelo Tucho’ (Club Mariño Salnés). As dornas ‘Xaimiña (Lajareu por Barlovento de Ribeira) e ‘Selosa’ (ACD Dorna) pecharon os dez primeiros postos na liña de meta do Grove.

O Campionato de Dornas a Vela Copa Mörling naceu hai cinco anos como mostra de agradecemento á labor realizada polo etnólogo e antropólogo sueco Staffan Mörling en prol da salvagarda das embarcacións tradicionais galegas. Ademais da normal rivalidade deportiva entre as embarcacións participantes, o campionato é unha demostración de saberes tradicionais que forman parte do rico patrimonio inmaterial que supón a navegación tradicional con vela de relinga.