O Concello do Grove convoca a III edición deste Premio de Investigación e Cultura Marítima coa finalidade de honrar a figura e a memoria de Xosé Luís Rei Núñez (1960-2015) e, asemade, fomentar a investigación e a recuperación no campo do patrimonio e cultura marítima. Unha persoa representante de Culturmar formará parte do xurado deste premio.
O premio leva o nome deste investigador, escritor e activista cultural pola súa fonda vinculación á cultura marítima galega e ao movemento que deu lugar a Culturmar. O seu labor na investigación, divulgación e defensa do patrimonio marítimo e fluvial converteuno nunha figura de referencia, cuxo legado continúa a ser reivindicado pola nosa Federación que, en 2020, publicou o volume Farol perpetuo na néboa. Luís Rei e a cultura marítima dedicado á súa traxectoria. Ademais, Rei foi un dos precursores da revista Ardentía.
Estas son as bases do Premio que deberán ter en conta todas as persoas que queiran participar:
BASES
PRIMEIRA.- Poderá concorrer a este premio calquera persoa física que presente un traballo, en galego, vinculado co patrimonio e a cultura marítima e fluvial e/ou a súa recuperación ou vinculado coa Historia e Cultura de O Grove e O Salnés. Os textos presentados, amais de seren inéditos e totalmente orixinais, non poderán ter sido publicados, ou divulgados, en todo ou en parte, por calquera medio físico ou electrónico. Os textos presentados han ter unha extensión mínima de setenta e cinto (75) páxinas e unha extensión máxima de cento cincuenta (150) páxinas, tamaño folio DIN A4, con tipografía Arial de 12 puntos, espazo entre liñas de 1,5 (espazo e medio) e follas paxinadas.
SEGUNDA.- De cada un dos textos concorrentes, presentaranse cinco copias en papel e unha en soporte dixital, nun documento de procesador de textos, antes do 15 de outubro de 2026. As copias deberán ser remitidas ao enderezo seguinte: III Premio de Investigación e Cultura Marítima Luís Rei Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey Rúa Monte da Vila, 11 36980 O Grove Pontevedra O prazo de inscrición estará aberto dende o día seguinte á publicación do extracto desta convocatoria no BOPPO da provincia de Pontevedra ata o 15 de outubro de 2026, incluído.
TERCEIRA.- Xunto co texto en papel e en soporte dixital, que será enviado sen que sexa recoñecible a autoría da escritora ou escritor e que irá precedido polo título e o lema escollido, xuntarase un sobre pechado que leve escrito por fóra “III Premio de Investigación e Cultura Marítima Luís Rei”, o lema e mais o título e que no seu interior conteña o nome, apelidos e NIF, enderezos postal e electrónico, e os teléfonos de contacto da súa autora ou autor.
CUARTA.- O xurado, cuxos membros serán dados a coñecer antes da concesión do premio, estará composto por cinco especialistas ou persoas de recoñecido prestixio relacionadas co mundo da cultura marítima galega e/ou historiadores e coñecedores da historia e cultura do Grove e os Concellos do Salnés. Un deles será a gañadora ou gañador da edición anterior do premio, tres serán nomeados polo Concello do Grove e o restante participará en representación de Culturmar (Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial). O premio único outorgarase por maioría simple de votos. Actuará como secretario/a do xurado, con voz e sen voto, un/ha técnico/a do Concello do Grove. Tamén poderá estar presente durante a deliberación a/o Concelleira/o delegada/o.
QUINTA.- Calquera incidencia ocasionada na interpretación destas bases será solucionada pola maioría simple dos membros do xurado. A decisión deste, que será inapelable, darase a coñecer sempre antes de finais de decembro de 2026.
SEXTA.- O premio, que é indivisible, poderase declarar deserto, caso de o xurado así o estimar en decisión inapelable. Para tal circunstancia, de cinco votos posibles, terá que darse o caso de que unha obra non sume un mínimo de tres dos votos do xurado.
SÉTIMA.- A entrega do premio terá lugar nun acto público a celebrarse no Grove, en local e data que se anunciarán coa suficiente antelación.
OITAVA.- O texto premiado quedará en propiedade do Concello do Grove, a quen se lle permite o seu uso e difusión por todos os medios, sen xerar iso ningún tipo de custo económico por dereitos de autoría nin outros conceptos. Para a súa publicación os textos poderán ser revisados lingüisticamente. O Concello do Grove podería asinar convenio con algunha editorial para a publicación dos traballos premiados nesta e en futuras edicións e reservarase o dereito de publicación. Todo isto sen menoscabo do regulado pola Lei da propiedade intelectual vixente, que prevalecerá sobre o convenio mencionado.
NOVENA.- O premio está dotado con 1.500 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 334.48102 do orzamento de gastos do exercicio 2026, e financiado pola Liña 2 do “Plan Máis Provincia” 2026 da Deputación Provincial de Pontevedra. A contía está suxeita á correspondente retención fiscal. A persoa beneficiaria deberá acreditar que se atopa ao corrente das obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e non é debedora por resolución de procedencia de reintegro ou ben autorizar ao concello para obter as certificacións da AEAT e da Tesourería Xeral da Seguridade Social nas que se acredite que se atope ao corrente das obrigas sinaladas.
DÉCIMA– Os orixinais non premiados poderanse recuperar, con cargo ás autoras e autores concorrentes, pasados quince días da data do veredicto. Os orixinais que non fosen retirados destruiranse pasados trinta días da emisión da decisión do xurado.
BASE FINAL– A participación neste premio significa a completa aceptación das presentes bases e mais das decisións do xurado que se designe.