Nova Ardentía presentará o venres en Rianxo a revista número 18

O mes de xullo rematará coa presentación dun novo número da revista Nova Ardentía. Será o venres 31 de xullo, ás 20 horas, no Pazo de Martelo, en Rianxo. O acto, no que intervirán Emilio Xosé Insua, Antón Mascato, Manuel Lara e Rosa M. Fernández, organizouse en Rianxo tras  aceptar o convite da Fundación Casa de Rosalía, que ao día seguinte celebra a xa tradicional ‘Inchadiña branca vela’, un evento marítimo no que embarcacións de toda Galicia sairán desde o porto rianxeiro para homenaxear á nosa poeta navegando os ríos Ulla e Sar.

O número 18 da Nova Ardentía leva por título ‘Coa rosa dos ventos no corazón’, unha homenaxe á activista pola cultura marítima Ivone Baptista de Magalhães, falecida en abril deste ano. Na súa terra, Esposende, celebrarase o sábado 1 de agosto a segunda das presentacións da revista.  

Para falarnos da Nova Ardentía e do seu futuro entrevistamos ao seu coordinador, Emilio Xosé Insua.

O venres será a presentación oficial do número 18 da revista Nova Ardentía. Que tipo de contidos imos atopar?

Coma sempre, procuramos levar unha grande variedade de temáticas e de aspectos, todos relaciones coa cultura marítima e fluvial. Hai un pouco de patrimonio, outro pouco de historia e tamén memoria viva da xente do mundo mariñeiro ou da propia Culturmar. Xa levamos algún números nos que nos gusta reflexionar e botar a vista pola popa para ver como se foi tecendo este movemento que vive agora un momento agradábel e satisfactorio, pero que custou poñer en marcha. Gústanos darlle voz a certas persoas que xa non están ou teñen un papel máis discreto na Federación. Queremos sempre ofrecer temas que teñan interese para públicos diversos. Arredor do mar e dos ríos xiran unha morea de cousas deste paisiño noso.

‘Coa rosa dos ventos no corazón’, a que fai referencia o título?

Sorprendeunos en pleno proceso de elaboración do número a morte da benquerida compañeira Ivone Baptista de Magalhães, activista da cultura marítima que tanto traballou a prol do patrimonio. Titular así esta Nova Ardentía é unha maneira poética de homenaxeala. De feito, a revista abre cun texto especificamente dedicado a ela. O sábado 1 de agosto, un día despois da presentación en Rianxo, estaremos en Esposende (Portugal) presentando o número. Ivone era compañeira no consello da revista e foi directora do Museu Municipal de Esposende.

Quen son os lectores das Ardentías?

Até onde damos sabido, moita da circulación que ten a revista é con xente que, dun xeito ou doutro, está vinculada aos colectivos de Culturmar. Hai outro segmento de público que é local. Cando Culturmar realiza eventos como a Copa Mörling de dornas a vela, o Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia ou a ‘Inchadiña branca vela’, sempre hai persoas que descobren a revista case por casualidade e a mercan. Hai un terceiro núcleo de persoas que se achegan á revista desde o mundo académico botando man dalgúns dos materiais que están publicados.

Como valora a evolución da revista?

Ao meu entender, a evolución non pode ser máis que positiva. É unha revista que conseguiu consolidar unha periodicidade anual o que significa que ten unha estabilidade no tempo. É unha revista que foi medrando no número de páxinas. Das 70 páxinas que tiña ao principio pasou a case 150. Chega bastante material e case todo o que nos envían ten interese, rigor e é publicable, tanto en termos xornalísticos como divulgativos. Cada número que zarpa serve para engrosar o colectivo de colaboradores. Moitos dos que se estrean nun número en concreto, collen carreiriña e continúan facéndoo.

Pero imaxino que algunha dificultade ten sacar adiante cada número…

A principal dificultade non é tanto a confección dos contidos senón a cuestión do financiamento e cubrir o investimento de maquetaxe, por exemplo. Levamos tres ou catro números nos que conseguimos autofinanciarnos a través das vendas ou grazas á inserción de anuncios institucionais. Anuncios vinculados a eventos e iniciativas no eido marítimo e fluvial. É sempre publicidade moi circunscrita e restrinxida que tamén axuda a facer visible todo o que acontece arredor da nosa temática. Con este modelo poderiamos sobrevivir perfectamente. Pero tamén temos que pensar como mellorar o xeito no que as revistas chegan ás librerías e outros puntos de distribución.

Como se podería mellorar isto?

A revista ten certas dificultades de facerse ver e circular. A fórmula ideal sería unha trepia. O primeiro pé son as institucións que seguen tendo a sensibilidade de dar a coñecer o que fan e financiar e apoiar a revista. No outro pé está o esforzo que fagamos desde Culturmar e o consello de redacción para organizar máis actos de presentación que nos axuden a dar a coñecer máis a revista. O terceiro pau no que temos que pensar é que, se a revista segue nesta dinámica positiva, hai que ver a posibilidade de establecer un corpo administrativo que poida xestionar ficheiros de subscrición, unha fórmula xa moi típica noutras publicacións. Igual temos que abordar a idea e reconverter a Nova Ardentía nunha revista cun corpo fixo de subscritores.

Esa “dinámica positiva” da que fala, a que cre que se debe?

Eu diría que é unha revista onde calquera vai encontrar seguro algo do seu máximo interese. Unha publicación que nunca desencanta e decepciona porque, dun xeito ou doutro, algo vai haber que empate coa túa memoria persoal, cos teus intereses profesionais ou académicos, e co teu coñecemento.