Presentación en Cambados da Nova Ardentía 17

O pasado 1 de xullo tivo lugar no Pazo de Fefiñáns, en Cambados, a presentación do número 17 da revista Nova Ardentía, desta volta centrada no XVII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que se vai desenvolver desde o 17 ao 20 de xullo en Ribeira.

A presentación desenvolveuse no marco da 7ª Semana Cultural da Asociación Amig@s de Fefiñáns, que nesta ocasión xira arredor da figura de Isaác Díaz Pardo e os problemas de conservación do Patrimonio.

Ao acto asistieron Fernando Piñeiro, Francisco Fernández Rei, Rosa Fernández Otero e Emilio Insua. Piñeiro aproveitou a súa intervención para evocar os seus tempos de presidente de Culturmar e felicitouse pola “madurez” atinxida pola Federación. Pola súa banda, Rosa Fernández explicou o contido das súas entrevistas, unha delas con Jacobo Fernández, responsable da empresa de Insuíña sobre acuicultura. Outra, co profesorado de Económicas da USC que está a estudar o tema do furtivismo en Galicia.

Francisco Fernández Rei fixo un percorrido pola súa participación na revista e Emilio Insua describiu a grandes trazos o seu contido, subliñando o volume especial deste número e a presenza de traballos que serven para ver o ronsel que Culturmar vai deixando pola popa (entrevistas aos sete presidentes, entrevista con Lino Lema, artigo dos irmáns Batista, balanzo do actual presidente, Xosé Luís Sacau, sobre actividades no último ano de andaina, etc.).

A presentación rematou cos poñentes convidando a todas as persoas presentes a acudir ao Encontro de Ribeira.