O 28 de febreiro de 2026 finalizará o prazo para presentar proxectos para a sede do XVIII Encontro

Informámosvos de que, consonte foi comunicado na recente Asemblea Xeral Ordinaria celebrada o pasado sábado 29 de novembro, desde o 3 de decembro até o vindeiro 28 de febreiro de 2026 permanecerá aberto o prazo para a presentación de proxectos para a celebración do XVIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia-2027.

Lembramos a todos os colectivos que os proxectos deberán manifestar de xeito expreso o respecto aos principios recollidos nas Bases, e deberán incluír o acordo unánime de todos os grupos políticos presentes na Corporación municipal e o compromiso de financiamento por parte do Concello, así como incorporar os apoios das entidades involucradas no mesmo, nomeadamente aquelas directamente afectadas polo proxecto como poden ser as Confrarías ou outras asociacións do ámbito do mar.

Culturmar informa tamén a aqueles colectivos que desexen presentar o seu proxecto, previo á súa elaboración, deberán poñerse en contacto coa directiva de Culturmar no teléfono 689.005.026 para recoller algunhas accións, principios, criterios e recomendacións importantes a ter en consideración á hora de iniciar o proceso.

👉As bases poden ser consultadas aquí.

Os proxectos deberán ser remitidos por correo electrónico a secretaria@culturmar.org. Unha vez recibidos, será convocada unha Asemblea Xeral Ordinaria (prevista para o 21 de marzo de 2026) na que os proxectos serán presentados ante a Asemblea, que acordará oficialmente a sede do XVIII EETG.