Rexistro de Embarcacións

CRITERIOS DE INSCRICIÓN:

Poderán inscribirse no Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia aqueles barcos que representen un valor patrimonial, tanto como expresión das técnicas tradicionais da carpintaría de ribeira, como polo seu carácter histórico ou pola súa vocación de fomento do nautismo.

En particular, poderán inscribirse no Encontro:

– Barcos de madeira pertencentes ás tipoloxías tradicionais recoñecidas dos países e comunidades de orixe, con propulsión preferentemente a vela ou remo, sen prexuízo de que polas súas características ou por seguridade conten con motor, e que non conteñan elementos que claramente deturpen as características propias da súa tipoloxía, no tocante aos materiais construtivos ou outros.

– Barcos que teñan unha especial significación e importancia polo seu carácter histórico, incluíndo as réplicas ou reconstrucións que manteñan a esencia das pezas de referencia orixinais.

– Barcos destinados ao fomento do nautismo que representen tipoloxías clásicas ou históricas recoñecibles.

– Outros barcos que representen un valor patrimonial singular.

No caso das tres últimas categorías, a organización poderá, se así o estima, solicitar información adicional sobre as características propias do barco antes de proceder á súa inscrición.