A catástrofe do Prestige foi, por riba de todo, económica

O Museo do Mar de Galicia continuará mañá, xoves 1 de decembro ás 20.00 horas, o ciclo de conferencias “Prestige, así están as cousas tres anos despois”, que desta volta contará coa presencia de Fernando González Laxe, director do Instituto de Estudios Marítimos da Universidade da Coruña e coordinador dalgúns dos máis importantes estudios socioeconómicos sobre a influencia do accidente marítimo do Prestige nos últimos tres anos.
O ex presidente do Goberno da Xunta ofrecerá unha visión global sobre o impacto do Prestige coa súa conferencia “Instrumentos e mecanismos institucionais ante as catástrofes marítimas”.

A intención da charla do profesor Laxe é explicar que a catástrofe do petroleiro foi, por riba de todo, de tipo económica. Se ben houbo un impacto sociolóxico incalculable na poboación, así como un impacto ecolóxico brutal -menor do agardado algunhas pesquerías e ecosistemas, que melloraron co tempo-, do que non hai dúbida é do desaxuste económico que se produciu no país, que tivo que paralizar por completo o sector e desviar recursos económicos que estaban previstos para outros destinos.