O Comité Organizador do XI Encontro segue a traballar. Houbo xuntanzas coa Dirección Xeral de Comercio e coa Secretaría Xeral de Cultura nas que se avanzou en concretar a colaboración de ambos os dous organismos no Encontro. En poucos días haberá similares entrevistas coa Secretaria Xeral de Deportes, Consellería de Medio Rural e do Mar e Deputación da Coruña. Ao tempo que se establecen estes contactos coas institucións tamén está previsto contactar con empresas privadas relacionadas co mar para ver de establecer vías de colaboración co Encontro.
No que respecta á organización do evento, está previsto que as comisións específicas creadas dentro do Comité presenten as súas conclusións ao pleno do Comité a finais deste mes de xaneiro.
Xa está definido o tema das Xornadas técnicas, que vai virar ao redor da carpintería de ribeira, tanto no seu aspecto histórico como nas súas perspectivas de futuro. Incluirase nestas xornadas unha homenaxe aos carpinteiros de ribeira do Freixo.