Boa proa, Comandante Martiño!

Hoxe, a familia ‘patexeira’ estamos de loito. Deixounos Martiño, ‘O Comandante’.
Era un habitual dos Encontros de Embarcacións Tradicionais e estivo en todos dende principios dos anos 2000, a excepción do último de Ribeira, no que desafortunadamente xa non se atopaba ben para asistir.
Era habitual velo coas súas típicas gorras de mariñeiro que trouxera varias daquel ano 2008 no que Galiza fora país convidado no Festival Marítimo de Brest, e el estivo nesa expedición.

Adoitaba estar sempre co seu pitillo, que liaba con parsimonia, mentres te escoitaba ou che botaba unha parrafada. Moito nos ten berrado cando non faciamos as cousas como el quería, pero os que o coñeciamos xa sabiamos que non berraba con maldade. Logo, tan pronto como che berraba, xa che dicía algo para que te esqueceras.

Sempre voluntarioso, Martiño foi durante anos o que nos remolcaba os barcos aos encontros e xuntanzas no seu Lada Niva verde, digno vehículo para un Comandante. Iso si…. Nuncha chegaba á súa hora.

Recórdoo na caña da ‘Balbina’, coa súa gorra e o seu pitillo, aquel ano 2010 no que a levamos para Lorbé para empezar cos traballos nela.

Un asiduo dos bares da Florida e da Praza do Humor, a súa zona preferida da Coruña. Agora deixará libre para sempre a silla que sempre ocupaba, a poder ser na terraza, para botar o seu pitilliño.

Foise como sempre facía el, de súpeto, en silencio, sen despedirse. Martiño marchaba porque tiña que marchar.

Botarémosche en falta, compañeiro. Boa proa nesa singradura alá a onde vaias! 

Texto: Asociación Cultural Mariñeira Os Patexeiro de Sada