Campaña de captación de socios e socias do Museo do Pobo Galego

As representantes de socias e socios do Museo do Pobo Galego, co apoio da Xunta Reitora do MPG, lanzan unha campaña de captación de novos socios. O obxectivo é conseguir 100 novas inscricións ata final deste ano e un total de 500 cando remate 2014.

Esto é o que os socios e socias queren comunicar:

Os socios e socias constitúen a base social do Museo do Pobo Galego sendo a canle de participación dos galegos no museo. Si coas súas cotas a contribución ao mantemento económico é importante non o é menos a súa función de inserir o museo na sociedade galega, dándolle a vez pluralidade, independencia e fortaleza coma institución.

Na actual situación de crise social e económica, onde as institucións culturais son vítimas dos recortes provocados por una visión da cultura como algo secundario, é preciso reforzar o museo como institución de toda a sociedade galega como referente dos elementos de identidade que nos definen como pobo.

Este reforzamento do Museo do Pobo Galego só pode vir dunha maior implicación na sociedade galega a través dos socios e socias, polo que canto maior sexa o seu número e a súa participación na vida do museo, máis se conseguirá un museo forte, independente e plural, un museo máis noso.

Mentras non habilitan unha ferramenta para inscribirse en liña, os interesados poden facelo a través deste boletín de inscrición e contactando co correo socios@museodopobo.com