Costa da Morte. Un país de sueños y naufragios. Libro

Rafael Lema presentou o seu novo libro Costa da Morte. Un país de sueños y naufragios o pasado 27 de xaneiro en Muxia, acompañado de Guillermo González, xerente do GAC3, e de Fernando Patricio Cortizo, autor á súa vez de varios libros sobre naufraxios.
O libro fai un repaso á información da que neste momento se dispón sobre os naufraxios da Costa da Morte, entendendo esta como o tramo de costa entre Caión e Fisterra, e aporta datos sobre a historia deste topónimo, que parece bastante recente, xa que está documentado en inglés desde principios do século XX. Esta obra achega datos sobre 44 novos naufraxios, recollendo un total de 454 para a zona estudiada. O libro de 256 páxinas ten máis de 300 imaxes, algunhas delas inéditas, por exemplo as que recollen os debuxos que Antonio Canosa, crego de Ameixenda, fixo nun libro antigo de teatro e que representan os naufraxios de varios barcos na zona xunto coa actividade de raqueiros e carabineiros a mediados do século XIX.
Organizado o libro por tramos de costa, ao final de cada capítulo hai un pequeno ensaio sobre temas relacionados coa Costa da Morte: baleeiros, corsarios, raqueiros, submarinos, e persoeiros relacionados co mar.

O obxectivo do autor é elaborar unha obra de divulgación da historia dos naufraxios da zona, aportar datos novos, precisar outros xa coñecidos e aclarar moitas lendas sobre maltrato aos náufragos, ou a existencia de mafias que causaban o embarrancamento dos barcos, cousas ambas totalmente falsas como se demostra coa existencia de moitas mostras de agradecemento dos paises que perderon navios na zona ás persoas que arriscando a súa vida salvaron a de moitos descoñecidos.

Entrevista a Rafael Lema
A noticia en Anosacosta e Quepasanacosta
(Imaxe tomada de Que pasa na costa)