Diante do crecente e xa longo debate social que se produciu nos últimos meses arredor do proxecto industrial de Altri para instalar unha planta de pasta de celulosa en Palas de Rei, a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial desexa manifestar o que segue.
A Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial é unha asociación de carácter cultural que ten entre os seus obxectivos a salvagarda do patrimonio marítimo e fluvial galego, expresado a través dos elementos materiais e inmateriais que identifican ás comunidades humanas que desenvolveron ao longo dos tempos a súa actividade nestes ámbitos xeográficos, tanto as que estiveron vencelladas ao mar como aquelas outras pertencentes ás comarcas do interior, que viviron e viven vencelladas aos cursos fluviais que as vertebran.
Nesta altura son moitas as persoas, asociacións, entidades e comunidades que teñen manifestado a súa preocupación polo impacto que a instalación desta planta industrial vaia producir no territorio, nos ámbitos socioeconómico, produtivo e medioambiental, con previsíbeis e importantes efectos na comarca da Ulloa, a cunca do río Ulla e a Ría da Arousa.
A importancia xeográfica e cultural do territorio afectado está fóra de toda dúbida e é recoñecido de xeito unánime. A Ulloa é unha comarca interior de importancia capital como reserva dunha cultura agrogandeira de fonda tradición en Galicia, berce do Ulla, un dos maiores ríos galegos, que vertebra unha amplísima área xeográfica de grande valor ambiental, histórico e cultural, e a Arousa pode ser considerada como a gran matriarca das rías galegas, cun enorme peso demográfico, económico e cultural e, en definitiva, como un dos indiscutíbeis emblemas do país.
Todo este sistema marítimo-fluvial, que reúne nun só as terras onde nace o Ulla co mar onde desemboca, pode verse afectado de maneira substancial polo proxecto industrial de Altri, e como consecuencia, tamén todos os colectivos humanos que ocupan este territorio, en particular, as comunidades fluviais e mariñeiras que viven directamente do río e do mar da Arousa, comunidades que para a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial son tamén obxecto de salvagarda ao seren depositarias dos saberes tradicionais e responsábeis da súa transmisión.
Por todo o antedito, a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial desexa compartir esta preocupación con toda a sociedade galega e, especialmente, cos sectores e colectivos afectados directamente por este proxecto, á vez que manifesta o seu desexo de que, ante a crecente emerxencia climática e medioambiental que estamos a vivir, todas as institucións e axentes antepoñan o obxectivo da preservación medioambiental como criterio absolutamente prioritario, en liña coas axendas e recomendacións que neste sentido teñen sido adoptadas no seo do Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente ou da Axencia Europea do Medio Ambiente, entre moitas outras entidades.