O 11 de xaneiro de 1899 o vapor Priam afundíu perto das Sisargas, na súa ruta entre Liverpool e China. No libro De Liverpool ás Sisargas. A derradeira travesía do Priam (Embora, 2014), Xabier Maceiras e Fernando Patricio estudan este naufraxio e as especiais circunstancias que o rodearon. Logo dunha introdución sobre as Sisargas e a navegación a vapor estudan a Blue Funnel Line, a navieira propietaria do Priam, para entrar a continuación no naufraxio propiamente dito, recorrendo a fontes galegas e tamén á documentación británica do xuizo polo afundimento do barco.
O Priam ia cargado de mercancías para China e parte desa carga foi parar ás praias. A xente acudíu en busca de restos que poder aproveitar ou vender, producíronse altercados e chegou a haber un morto entre os raqueiros ao caer ao mar. A cousa non quedou aí, incluso chegouse a roubar no almacen onde as autoridades gardaban a carga recuperada. Todo isto tivo consecuencias penais, con condenas a varias persoas implicadas. Pero non só houbo xente que se aproveitou do naufraxio. Mariñeiros de Malpica sairon coas súas lanchas en pleno temporal e conseguiron salvar a 38 persoas. A Sociedade Española de Salvamento de Náufragos concedeu a medalla de prata ao patrón Pedro Casal e o mariñeiro Ramón Villar polo salvamento in extremis do capitán do Priam.
En Betanzos este venres 6 de xaneiro ás 20:30 vaise presentar este libro e tamén Contos do Mar de Irlanda de Xurxo Souto. A presentación organizada pola Asociación Cultural Roxín Roxal será no Salón Azul do Liceo e contará coa presenza dos autores dos libros presentados.