Guía das embarcacións tradicionais galegas. Un novo libro

O vindeiro sábado, día 24 de novembro vaise presentar en Vilanova de Arousa o libro Guía das embarcacións tradicionais galegas escrito por Jesús Blanco, membro da Asociación A Rabandeira. A presentación será ás 20:00 horas na Casa da Cultura do Esteiro.
No índice e na súa contracuberta explícasenos o seu contido:

«O propósito da Guía de embarcacións tradicionais galegas é contribuír a achegar a cultura marítima galega tradicional ao público non especializado. O seu contido céntrase nas embarcacións, expoñendo cunha linguaxe sinxela e comprensible os rasgos característicos de cada unha delas. Tratamos de resaltar os elementos identificadores que permitan ao lector recoñecelas e apreciar os seus detalles construtivos, así como as particularidades do seu aparello e da súa manobra. Para cada embarcación amósase a súa relación con outros tipos de embarcacións e as principais funcións que realizaba. Do mesmo xeito, exponse a súa orixe e desenvolvemento históricos, na medida en que sexan coñecidos. Así mesmo, describimos tamén as diferentes variantes que moitas embarcacións presentan, según as diferentes actividades ás que eran destinadas ou a zona na que eran empregadas.
Dado que vai dirixida a un público non especializado, introducese información sobre temas xerais da náutica que resultan básicos á hora de falar de navegación e, especialmente, de navegación a vela. Todo isto orientase a facilitarlle ao lector a comprensión dunha serie de embarcacións cuxo aspecto e manexo son moi distintos dos que presentan as actuais.»

Este libro de 143 páxinas en formato: 21 x 16,5 está editado pola editorial NigraTrea, ten un prezo de 25 euros, e o seu ISBN é 978-84-95364-50-0.
Pódese adquirir en calquer librería.

Un comentario sobre “Guía das embarcacións tradicionais galegas. Un novo libro

Comments are closed.