“Manuel”, o bote que salvou a centos de xudeus

Durante a Segunda Guerra Mundial, unha barca salvou do horror nazi a centos de xudeus na ría de Vigo. O esqueleto desta emblemática embarcación de madeira languidecía na Enseada de San Simón despois de décadas de traballo na pesca. Grazas ao traballo dunha carpintaría de ribeira en Redondela, o antigo bote volverá a lucir como nos seus mellores tempos. Ademais, esta recuperación permitirá rescatar unha das páxinas máis descoñecidas da historia local.

O bote é unha embarcación tradicional construída nos anos trinta do século pasado. Foi encargado polo redondelán Faustino Otero Lino a unha carpintaría de San Adrián de Cobres (Vilaboa). O seu deseño reunía unhas características especiais, como a proa recta, para adaptala ás tranquilas condicións do mar no interior da Ría de Vigo, onde ía desenvolver o seu traballo.

Bautizada co nome de “Manuel”, utilizouse fundamentalmente para a pesca pero tamén para abastecer á illa de San Simón de víveres e roupa limpa durante os anos da Guerra Civil e posguerra. Durante este período, no arquipélago redondelán transformouse nun cárcere franquista polo que pasaron máis de 6.000 republicanos, sometidos a condicións inhumanas, tratando de sobrevivir en deficientes condicións sanitarias e de habitabilidade. Durante esa etapa, desde outubro de 1936 a marzo de 1943, o labor do “Manuel” foi fundamental para os presos, posto que moitos sobrevivían coas mercancías que o bote cargaba desde o peirao da Portela servindo de única unión entre os prisioneiros e as súas familias.

Pero durante eses anos tamén tivo outro papel relevante, dentro da clandestinidade, xa que a embarcación posibilitou que centos de xudeus fuxidos da Alemaña nazi puxeran a salvo as súas vidas durante a Segunda Guerra Mundial. Foi a principios dos anos corenta, nun tempo no que o seu propietario, o barqueiro Faustino Otero, mentres se encargaba de transportar os víveres, roupa e correspondencia os presos republicanos de San Simón, comezou tamén a colaborar en secreto co médico vigués Eduardo Martínez Alonso, coñecido como o “Schindler” galego. Este profesional, que exercía como doutor da Embaixada Británica en Madrid, tiña unha casa en Redondela moi cerca do peirao da Portela,
na que ocultou a centos de xudeus que intentaban escapar do nazismo.

Noticia sacada do xornal Faro de Vigo. Máis información nesta ligazón.