Acaba de asinarse o acordo marco para a creación do Museo Mares de Cedeira entre o Concello de Cedeira, a Confraría de Pescadores Santa María do Mar e a Asociación Mares de Cedeira. Co visto bo de Portos de Galicia o novo museo estará situado na planta baixa do edificio da Confraría, contará cunha achega económica inicial do Concello e a xestión e mantemento da sala corre por conta de Mares de Cedeira.
A Asociación Mares de Cedeira leva algúns anos traballando para conseguir poñer a andar este museo pero foi agora, coa cesión do local e co acordo mencionado que o proxecto empeza a materializarse. A asociación que naceu do traballo de tres persoas, Chente Rey, Eduardo do Mimo e Xosé de Vigo, ampliou a súa base e hoxe son moitas as persoas que apoian a iniciativa de crear o museo o que facilitou a recollida de información e materiais para botar a andar o proxecto. Entre a inxente cantidade de materiais cedidos hai varios barcos de distinto tipo entre eles unha tarrafa que pretenden facer visitable en seco para que as persoas interesadas poidan ter unha idea real das condicións de traballo a bordo dun barco do cerco.
Os nosos parabéns ao pobo de Cedeira e a Asociación Mares de Cedeira por perseverar no seu empeño e por ter conseguido algo tan valioso, e non nos referimos só ao Museo senón sobre todo a ter xuntado a vontade de tanta xente arredor dun proxecto común que pon en valor o papel que o mar xogou e xoga na vida de Cedeira.
(Imaxe, Mares de Cedeira. Vía Olláparo)