Poñemos ao público unha versión en pdf do Diccionario de artes de pesca de España y sus posesiones, escrito por Benigno Rodríguez Santamaría e publicado en 1923 (hai edición facsímile da Consellería de Pesca). Dado o tamaño do Diccionario (858 páxinas) elaboramos dous pdfs (Parte1 e Parte2) de aproximadamente 115 MB cada un para facilitar a súa descarga.
Este diccionario é un tesouro. Nel hai unha cantidade de información asombrosa xunto con centos de debuxos e fotografías sobre aparellos, barcos e técnicas de pesca. Para saber do seu autor debemos acudir á excelente introdución que o profesor Francisco Calo Lourido fixo para a publicación facsímile da obra do mesmo autor Pescadores del norte y noroeste de España que editou o Consello da Cultura Galega. Nesta introdución o profesor Calo traza as vicisitudes da vida do autor primeiro como cabo de mar, logo como comisionado de pesca e finalmente como conservador do Museo da pesca que se estaba a formar nos primeiros anos do século XX.
A “Breve reseña de la pesca marítima” que encabeza o Diccionario é unha especie de resumo do traballo feito polo autor, e tamén unha síntese do seu pensamento sobre o mundo da pesca. A necesidade de modernizar a flota e as técnicas de pesca, a mellora na comercialización e o asociacionismo como camiño a un futuro mellor son os alicerces da súa visión da pesca neses anos en España.
Se a obra de Sáñez Reguart é fundamental para coñecer a pesca no século XVIII e a de Graells no século XIX, está é imprescindible para coñecer como era a pesca nos anos 20 en España. Benigno R. Santamaría percorreu prácticamente todos os portos de España, tomando datos de primeira man en cada porto sobre número, custe e rendemento de barcos e aparellos e sobre as técnicas de pesca. No libro tamén inclue moita lexislación da época relativa á pesca, por exemplo o Regulamento de pesca do rio Miño de 1897.