Santiago Llovo Taboada (Santi Llovo), colaborador da nosa revista Nova Ardentía, publicou recentemente Contra el viento y el mar. Vén sendo, de momento, o quinto dunha xeira de libros editados consecutivamente e que abordan distintos aspectos do patrimonio marítimo: a carpintería de ribeira en Outes, a memoria marítima de Esteiro e Muros, ou as salgaduras do concello de Carnota.
Esta nova publicación de cincocentas páxinas é fundamentalmente una escolma de distintas “protestas de mar” (informes redactados polos capitáns acerca dos incidentes padecidos polo barco ou que afectaron á carga) que figuran na documentación das “Escribanías de Marina”, entre os anos 1748 e 1872, e que foron outorgadas nos concellos de Boiro, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Porto do Son, Noia, Muros, Carnota, Cee, Corcubión, Fisterra, Muxía e Camariñas.
O libro estrutúrase en 8 capítulos ordenados conforme a causa da “protesta”: derivas na navegación; perda ou lesión do patrón, tripulantes ou pasaxeiros; ataques; arribadas; naufraxios; “protestas” de estadía ou administrativas; avarías; e un oitavo capítulo de aclaracións, análises e conclusións.
Complétase o traballo con varios anexos que achegan noticia de embarcacións, capitáns e naufraxios. De por parte, salientan as fermosas imaxes dos barcos mercantes dos séculos XVIII e XIX.
Agradecémoslle novamente ao autor o seu incansable labor de pescuda para achegarnos a memoria do noso mar, as memorias dos barcos e das xentes.