Ao cabo de 11 anos hai senteza sobre o caso Prestige. Non se condena a ninguén por ter sido responsable dos danos causados polo accidente.
Na FGCMF lembramos o sufrimento padecido pola xente naqueles días. Lembramos o dano causado ao medio ambiente. Lembramos o esforzo de miles de persoas que traballaron para minimizar os danos e limpar o chapapote, que se enfrontaron ao desastre sen pensar en custes ou consecuencias.
Na FGCMF estamos desconcertados, non entendemos que non exista un responsable do accidente. Non entendemos que diferencia hai con outros verquidos como o Erika ou o Exxon Valdez, onde houbo condena e compensación de danos. Non podemos entender que logo de 11 anos non exista un culpable. É tanto como dicir que foi un desastre inevitable. Tanto como dicir que pode volver pasar coas mesmas consecuencias.
Miramos ao futuro e estamos preocupados.
Preocúpanos a mensaxe que se lle envía ao mundo: poden contaminarse miles de kilómetros da nosa costa, pode pararse a pesca dun pais durante meses, e non sucede nada.
Preocúpanos que deixen de financiarse os traballos de investigación sobre o accidente, sobre a evolución do medio ambiente afectado e sobre todo sobre as persoas afectadas.
Preocúpanos que non se fagan os cambios precisos na lexislación para que quen contamine pague. Nos Estados Unidos a catástrofe do Exxon Valdez fixo cambiar as normas, desde aquela as empresas son responsables de todos os danos que causen. En Europa, 11 anos despois do Prestige, isto ainda non é así.
E finalmente preocúpanos que os plans de continxencia queden en simples plans, sen que existan os protocolos, a infraestructura e os medios humanos cos que enfrontar o próximo accidente marítimo.
Porque estamos seguros que haberá un novo accidente. Tarde ou cedo outro barco quedará ferido fronte á nosa costa, e nese momento veremos se está claro quen debe tomar as decisións, se será asesorado de forma transparente por persoal cualificado, se xa se pensou por adiantado que facer co barco, se temos os medios de rescate precisos e o persoal entrenado, e se os responsables de coordinar o traballo son quen de facelo. E tamén se a Administración é quen de buscar ao culpable, de enxuicialo e de conseguir que sexa condenado e que pague polo que fixo.
Miramos ao futuro e estamos preocupados.
(Imaxe Vieiros)
2 cometarios sobre “Prestige. Desconcertados e preocupados”
Comments are closed.
A Federación fai ben en preocuparse e en esixir responsabilidades, pero coma calquer outro galego. O xuizo de Prestige non se perdeu na Audiencia provincial da Coruña, perdeuse nos Estados Unidos de América cando se exonerou a Clasificadora ABS e os nosos diplomáticos do Ministerio (ou mellor dito “Misterio”)de Asuntos Exteriores non foron quen de dar cos responsables da operadora do petroleiro so porque se cambio de nome e se mudaron a oficiña do lado. Aí foi onde e cando fuxiron os responsables.
Fai ben en pedir medios e persoas, pero facendo un simil ca sanidade, un hospital non se equipa só con auxiliares de clínica e farmaceuticos; fan falta tamén enfermeiros e médicos (sobre todo destes últimos). O que non se pode e que farmacéuticos presciban o que lles dea a gana e logo busquen un médico a piques de xubilarse pra que firme as receitas de todo-los medicamentos que repartiron.
Fai ben en preocuparse do futuro futuro, pero tamén á Federación deberíalle preocupar o futuro máis inmediato coma é o seu fin: o da Cultura Marítima, e preocuparlle, por exemplo, que os mesmos que lle adebedan 20.000 euros se gasten 1.200.000 euros en facer algo que só toca a rente as embarcacións tradicionais, coma é o caso de Rande, e non se escandalize. A min iso sí que me preocupa.
Aqui em Portugal, há um ditado popular que nos diz que «a culpa morreu solteira» . . .
Por aqui, também nos consta que há um outro na Galiza, dizendo que «não acreditam em bruxas, mas que as há, há!» . . .
Albino Gomes
Vila do Conde