Que é unha embarcación tradicional?

Desde hai moito tempo estase buscando unha definición de embarcación tradicional, pero esta é unha cuestión moi complexa e na que non é facil chegar a unha definición que poida ser compartida por todos.
Unha posible definición podería ser:

Embarcación tradicional: aquela embarcación que no seu proceso construtivo utilizáronse técnicas artesanais inherentes a unha sociedade ou grupo social, dotándoa dun interese identitario e patrimonial. Como produto dunha actividade artesanal, está ligada ao seu entorno, interactuando coa natureza, e a propia historia da comunidade social, quer pola transmisión dos coñecementos dos artesáns, quer polo desenvolvemento da actividade para a cal a embarcación foi construída (cabotaxe, pesca, lecer).

Coa recente enmenda que se quere presentar á nova Lei de navegación marítima volve xurdir o problema da definición de que é barco histórico, barco tradicional, barco clásico, etc.
Ultimamente estase preferindo a expresión barco de interese patrimonial que dalgunha forma incorpora todos os anteriores tipos e que poderiamos definir como:

Barco de interese patrimonial: aquela embarcación ou buque relacionados co desenvolvemento cultural dunha sociedade que son estimados polos individuos contemporáneos, polo seu valor artístico, testemuñal, singularidade, autenticidade e/ou representatividade tipolóxica e integridade, e mesmo tamén, como unha expresión do seu propio desenvolvemento.

Para axudar na clarificación deste tema achegámosvos tres documentos:

Un comentario sobre “Que é unha embarcación tradicional?

  1. Do meu punto de vista, hai un aspecto básico que non contemplan as dúas definicións e que pode complementalas.
    É o feito da “transcendencia” no tempo da embarcación tradicional(no senso de tipoloxía).
    Son as tipoloxías as que perduran no tempo. É debido a un conxunto de factores: adaptación aos usos, bondade nas características como buque, materiais dispoñíbeis, integración no entorno, simbiose coa vida das persoas…
    En troques un barco clásico ou histórico pode perdurar como unidade singular, pero non como tipoloxía (salvo que co tempo vaia converterse nun tradicional)

    Apertas

Comments are closed.