Nova versión do Regulamento da Copa Mörling de Dornas a Vela

Este Regulamento é resultado da compilación de distintos documentos, prácticas e acordos, emanados
ao longo de anos nos distintos colectivos do patrimonio marítimo e fluvial galego que teñen organizado
no pasado ou seguen organizando regatas de dornas. Varios destes documentos refundidos
conformaron o Regulamento da Copa Mörling de Dornas a Vela que, na súa primeira versión, foi
acordado a comezos de 2022 polos colectivos que organizaron algunha das regatas puntuábeis para a primeira edición da Copa Mörling.

  • CM A Reiboa de Poio
  • AC Dorna da Arousa
  • AC Amigos da Dorna Meca do Grove
  • AC A Torre de Cambados
  • AC Amigos da Dorna de Portonovo

Para esta segunda versión, preparada durante os primeiros meses de 2023 e na que participaron de
novo os colectivos anteriores xunto con varios membros da Xunta Directiva de Culturmar,
contempláronse algúns criterios que expoñemos a continuación:

  • Favorecer a máxima participación nas regatas, primando o seu carácter colaborativo,
    participativo e divulgativo fronte ao carácter competitivo da Copa.
  • Establecer un marco normativo asumíbel polas tripulacións participantes e que sirva de
    referencia para dilucidar aquelas cuestións que poidan suscitarse durante a celebración
    das regatas ou, en xeral, no decurso da Copa Mörling.
  • Favorecer a unificación de criterios á hora de establecer as características que deben
    cumprir as dornas participantes, afondando así na recuperación e salvagarda das fasquías
    tradicionais, materiais, medidas e outros elementos materiais, así como dos propios
    saberes tradicionais do velear en dorna.

Nesta ligazón atoparedes o regulamento completo, con todas as normas: https://culturmar.org/publicacion/regulamento-copa-morling-de-dornas-a-vela/