O pasado sábado 4 de maio reuníuse no Freixo o Comité Organizador do XI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. Na xuntanza douse conta dos apoios das administracións xa confirmados. Neste momento hai comprometidos apoios económicos, de maior ou menor cuantía, da Consellería do Medio Rural e do Mar, Secretaría Xeral de Cultura, Turgalicia, Centro Galego de Artesanía, Concello de Outes, e Grupo de Acción Costeira 4. A Deputación da Coruña confirmou a súa vontade de colaborar pero por cuestións administrativas falla saber cal será a súa achega.
As comisións do Comité deron conta dos traballos feitos: a de navegación xa ten elaborado o plan de atraques e de balizamento, e está a preparar o material necesario para os fondeos. A de voluntariado xa dispón do compromiso de máis de 100 persoas de todas as idades e aptitudes para levar adiante o enorme traballo que supón un Encontro. A de cultura xa ten un borrador inicial de programa de actividades con algunhas xa confirmadas, pero estase á espera da achega da Deputación para formalizar outras. A de loxística en terra xa ten adiantado moito traballo no referido aos espazos que se van ocupar e estase elaborando o plan para a manutención dos participantes.
Presentouse ao Comité o traballo do pintor Alfonso Costa para a elaboración do cartel do Encontro, e que foi valorado moi positivamente polos asistentes. Anunciouse tamén que o web do Encontro está listo para facelo público, cousa que se fará nuns días.
As Xornadas Técnicas que se van adicar a Carpintería de Ribeira xa teñen o seu programa elaborado, e o mesmo se pode decir das actividades para conmemorar os 20 anos de Encontros. Á espera da impresión tamén está elaborado totalmente o número de Ardentía que se vai editar co gallo do Encontro.
Por último, o Grupo de Acción Costeira 4 Seo de Fisterra e ría Muros-Noia pasa a integrarse no Comité, e xa comprometeu unha considerable axuda ao Encontro que se concretará na edición de material publicitario, e sobre todo en organizar as actividades de promoción do marisqueo e gastronomía relacionada co mar da zona.