Solicitude de inscrición no Censo de Embarcacións Tradicionais e Barcos Históricos de Galicia

Como vimos informando nos últimos meses, botou a andar o organismo que xestionará o Censo de Embarcacións Tradicionais e Barcos Históricos de Galicia.

Desde Culturmar, chamamos a todos os colectivos e particulares propietarios de embarcacións susceptibeis de ser inscritas neste rexistro a comezar os trámites de solicitude. Para isto, disponibilizamos a continuación instrucións detalladas e modelos de documentos relacionados.

1º Solicitude

Esta solicitude será presentada pola persoa (física ou xurídica) titular do barco, a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia utilizando o modelo PR004A (https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=PR004A). As persoas particulares propietarias de embarcacións que non dispoñan de sinatura dixital para a presentación electrónica poderán facelo mediante escrito dirixido á Consellaría de Cultura, Educación e Universidades – Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, por rexistro nos lugares habilitados pola administración. Máis abaixo podes encontrar un modelo do documento PR004A.

2º Outra documentación

Convén xuntar á solicitude a seguinte documentación:

  • 2 fotos da embarcación (en terra e a flote)
  • documentación acreditativa da propiedade
  • calquera outro documento que, a xuízo da persoa ou colectivo titular, poida contribuír a sustentar con maior forza a solicitude de inscrición como embarcación tradicional, barco clásico ou de época, como planos ou estudos tipolóxicos que xustifiquen a pertenza da embarcación a determinada tipoloxía tradicional, ou outros que se estimen.

3º Anexos I, II, III e IV

Estes anexos poderán cumprimentarse segundo proceda ou non para cada embarcación:

  • Anexo I – Descrición tipolóxica da embarcación
  • Anexo II – Certificación do acordo de solicitude de inscrición. Para o caso de que a embarcación pertenza a un colectivo, este certificado reflicte o acordo da Xunta Directiva ou da Asemblea para iniciar o procedemento.
  • Anexo III – Certificado de conformidade tipolóxica: Este certificado pode ser asinado por algún carpinteiro, no caso de que resulte posíbel. En caso de que existan dificultades para obter a sinatura, pódese enviar a solicitude sen el.
  • Anexo IV – Declaración de traballos de restauración. Esta declaración deberá xuntarse se procede, a xuízo da persoa ou entidade titular.

Anexamos ao final estes catro modelos coa posibilidade de utilizar os menús despregábeis para facilitar o labor.

4º Enviar a Culturmar unha copia da solicitude presentada

Os colectivos federados poden comunicar a Culturmar todas aquelas sollicitudes presentadas para que poidamos dispoñer dun rexistro. Esta comunicación pode facerse por correo electrónico dirixido a secretaria@culturmar.org