O XIV Encontro celebrarase do 10 ao 14 de Xullo de 2019 na Vila de A Guarda

CULTURMAR-Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, na súa asemblea ordinaria do pasado sábado 7 de abril, decidiu celebrar na vila de A Guarda, entre os días 11 e 14 de xullo de 2019, a décimo cuarta edición do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia.

As asociacións integrantes de CULTURMAR tiveron que decidir entre dous proxectos para sede do Encontro de 2019: un para celebralo en A Guarda, promovido conxuntamente polas asociacións Piueiro e o Instituto de Estudos Miñoranos, e o outro destinado Ribeira, do que era promotor a Real e Ilustre Cofradía da Dorna.

Ambos proxectos contaban con todos os requisitos e respaldos institucionais locais, cun fortísimo respaldo social e implicación veciñal comprometidos por unha amplísima nómina de asociacións e entidades das respectivas contornas, así como abondosas propostas de actividades de dintinta índole arredor do patrimonio marítimo e fluvial.

Tanto a directiva coma os colectivos de Culturmar salientaron a alta calidade de ambos proxectos e agradeceron o enorme esforzo despregado na súa elaboración, ao tempo que manifestaron a mágoa por vérense obrigados a ter que desbotar unha das propostas.

Desde Ribeira presentouse un magnífico proxecto que garantía a celebración dun grande evento, promovido ademais por unha das asociación fundadoras tanto da Federación coma do propio Encontro, mentres que A Guarda presentou pola sua parte un proxecto centrado no binomio rio-mar e na común tradición marítima do sur de Galicia e do norte de Portugal.

Finalmente, a maioría das asociacións integrantes de CULTURMAR inclináronse por levar o XIV Encontro a A Guarda, co que o evento servirá de impulso á consolidación dun movemento a prol da salvagarda do patrimonio nunha comarca onde nunca se celebrara, nunha vila de tradición mariñeira e de gran riqueza patrimonial.

Etiquetas

Deixa o teu comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *