A asociación Mar de Noia cumpre 10 anos e para celebralo organiza o vindeiro venres 14 de febreiro ás 19:30 horas no Museo do Mar de Noia un acto público. Neste acto haberá unha charla cos seguintes relatores: Jacob del Rio Viñas, falará sobre o Código de Comercio de 1815 e a súa relación co dereito marítimo; Emilio García Portosín, sobre o Léxico mariñeiro; e Enrique Blanco Lado sobre Amar o mar. No mesmo acto farase unha homenaxe aos irmáns Angel e Manuel Núñez Sanmartín, socios octoxenarios de Mar de Noia que levan moito tempo traballando na asociación.
Mar de Noia nestes 10 anos de vida fixo un notable traballo de recuperación e difusión do patrimonio marítimo. Desde a edición de revistas ás múltiples exposicións que organizou, pasando pola súa presenza en centros educativos, Xornadas, Encontros, etc. Pero o seu gran obxectivo foi a creación do Museo do Mar de Noia.
O Museo do Mar de Noia, local onde vai ter lugar o acto, ten xa máis de dous anos de vida. O museo, promovido e xestionado por Mar de Noia, ten uns fondos considerables entre os que hai que destacar unha notable colección de motores Ayón, fabricados en Noia, pero a súa maior riqueza é a cantidade de voluntarios e voluntarias de todas as idades que axudan a que sexa un centro que merece unha visita.
(Visita virtual ao Museo do Mar de Noia e imaxe, Turgalicia)