Os vindeiros 3 e 4 de setembro vai ter lugar na Póvoa de Varzim o seu 1º Encontro de embarcações Tradicionais, organizado con motivo do 20 aniversario da construción da lancha poveira Fé em Deus. A lancha é coñecida de todos por ser asidua participante en moitos do eventos organizados en Galicia nestes 20 anos.
Enmarcada neste Encontro vaise facer unha homenaxe In memoriam a Manuel Lopes, o promotor da construción da lancha, estudioso do patrimonio marítimo, e gran amigo de Galicia.
No programa do Encontro está previsto que ademais de navegación e da homenaxe a Manuel Lopes, haxa exposicións, conferencias, poesía, etc.
Nos inicios da FGMCF a relación coa Póvoa, con Manuel Lopes en particular, e co norte de Portugal en xeral, foi un elemento moi importante na conformación do traballo da Federación. Ata o día de hoxe en que a presenza de barcos portugueses e galegos é normal en eventos a ambos lados da raia.
Desde a FGCMF queremos animar a todos a participar neste 1º Encontro de Embarcações Tradicionais da Póvoa, e na homenaxe a Manuel Lopes, un home que sempre mostrou afecto e axudou ao movemento de recuperación do patrimonio marítimo e fluvial galego.