A Asociación Cultural e de Tradicións Mariñeiras Gamela conmemora este ano o seu 25 aniversario (2001-2026). E para celebralo organiza os días 13 e 14 de novembro as Xornadas de Esperanza e Liberdade, unha iniciativa que pretende celebrar estes vinte e cinco anos de traxectoria e poñer en valor a cultura, as tradicións e a memoria mariñeira. A programación desenvolverase no Centro Social do Cabo da Cruz e incluirá proxeccións, coloquios, actividades mariñeiras e un encontro arredor da memoria colectiva.
Os actos arrancarán o venres 13 de novembro, ás 19:30 horas, coa proxección do documental ‘A Campaña do Argus‘, seguida dun coloquio que permitirá compartir reflexións e experiencias arredor desta historia. O sábado 14, a xornada dará comezo ás 10:00 horas coa chegada das persoas participantes. Ao longo da mañá desenvolveranse diferentes propostas, entre elas ‘Mar feito palabra’, a proxección dos 25 anos da asociación e o espazo ‘Esperanza e Liberdade. Conversas na memoria’, que servirá para compartir lembranzas, vivencias e testemuñas vinculadas á identidade e á tradición mariñeira.
Con esta celebración, a asociación Gamela quere reivindicar o valor do patrimonio cultural e inmaterial ligado ao mar, así como o traballo colectivo desenvolvido ao longo deste cuarto de século para manter vivas as tradicións mariñeiras e transmitir ás novas xeracións unha parte fundamental da identidade do Cabo da Cruz e da súa xente.
Gamela convida á veciñanza e a todas as persoas interesadas na cultura e na memoria mariñeira a participar nestas xornadas conmemorativas.