A Coruña. A cidade na arte. Exposición


O vindeiro 3 de maio pechará a exposición A Coruña, a cidade na arte, que se pode visitar no Museo de Belas Artes da Coruña, de martes a venres de 10:00 a 20:00 horas, o sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 horas e o domingo pola mañán de 10:00 a 14:00 horas.
Esta exposición forma parte da conmemoración do oitavo centenario da obtención do título de cidade pola Coruña, e fai un percorrido sobre a visión que os artistas tiveron da cidade ao longo de case 500 anos.
Dado que Coruña non se pode entender sen o seu porto son moitas as obras nas que aparece a bahía da Coruña, desde planos ingleses da época do asalto de Drake á cidade ata recentes traballos de grandes fotógrafos.
Hai obras de moitos pintores nos que o tema marítimo é consustancial, como Mariano Ramón Sánchez, ou Martínez Abades e tamén hai obra de non tan coñecidos debuxantes, gravadores ou fotógrafos que permiten apreciar a evolución do porto e dos barcos que o visitaron. Pola calidade dos artistas e pola información que a súa obra ofrece paga a pena unha visita demorada a esta exposición.
A obra de arriba (pinchando sobre a imaxe pódese ver ampliada) é de finais do XIX, de autor anónimo e pertence á colección da Autoridade Portuaria da Coruña.