A dorna ‘Jalerna’ gaña o Triángulo do Cantiño na Illa e achica a clasificación xeral da Copa Mörling

A regata do Triángulo do Cantiño, na Illa de Arousa, provocou unha intensa revoltura nas clasificacións da Copa Mörling de dornas a vela. A ‘Jalerna’ acabou levándose a victoria no quinto Triángulo do Cantiño, homenaxe a Claudio Ameneiro, o socio máis lonxevo da Asociación Cultural e Deportiva Dorna da Illa (ACD Dorna), organizadora da proba. Tripulada por Ricardo e Manuel Dios, esta embarcación dos Dorneiros Regateiros é unha das clásicas nas regatas da ría de Arousa e sempre entre as primeiras na parte nobre da clasificación da Mörling.

En segunda posición, entrou na liña de meta a ‘Xarandeira’ (Asociación Fasquía da Illa), de Santi Mougán e Ángel Iglesias, seguida da tamén isleña ‘Rosalía’, da ACD Dorna, embarcación que fixo gran parte do percorrido cunha seria avaría na roda da súa dorna tras unha colisión nun bordo contra bordo. A cuarta e quinta posición acadárona outras dúas dornas da ACD Dorna. A ‘Pereka’, con José Antonio Dorado e ‘Chica’ Alberto Vicente; e a ‘Maristela’, unha dorna con historia porque durante moitos anos foi a embarcación na que navegou o homenaxeado de onte, Claudio Ameneiro, e que agora, seguindo a saga familiar, patronea o seu sobriño Jesús Ameneiro.

A regata de onte foi moi esixente polo vento refachado do suroeste a primeiras horas da tarde na ría de Arousa, chegando a forza 12 nalgúns momentos do percorrido. Con máis de trinta dornas inscritas, esta proba e, até agora, a de maior participación esta tempada.

Celebradas xa tres das cinco probas da V Copa Mörling, a ‘Pereka’ mantén o primeiro posto, seguida por un pechado grupo de dornas cambadesas: ‘Fungona’, ‘Jalerna’ (Dorneiros Regateiros); ‘Abuelo Tucho‘ e ‘Miserela‘ (Club Mariño Salnés). O sábado 4 de xullo celebrarase no Grove a Regata dos Faros, penúltima das cinco probas da Mörling. O campionato deste ano pecharase o 22 de agosto, en Combarro, na Regata da Reiboa.

A Copa Mörling é unha proba que naceu como mostra de agradecemento á labor realizada
polo etnólogo e antropólogo sueco Staffan Mörling en prol da salvagarda das
embarcacións tradicionais galegas. O campionato é unha demostración de saberes
tradicionais que forman parte do rico patrimonio inmaterial que supón a navegación
tradicional con vela de relinga.