O vento freso do norte co que se celebrou a III Regata da Reiboa foi o mellor aliado para a dorna de Dorado e Chica. Tras dominar as dúas primeiras edicións da Copa Mörling a embarcación illeira non anda coa mesma finura e tanto a Fuxe, de Manolo e Brais Parada, como a Nécora, de Braulio García e Adelino Santamaría, ameazan seriamente o seu trono como mellor dorna do país.
En Combarro, saída a lume favorecida polas refachadas de vento que chegou a poñerse por riba dos 13 nós. A Pereka ponse na cabeza, e favorecida pola súa lixeireza, busca con autoridade o paso polo sotavento en Tambo. Por detrás, pero moi preto, Nécora e Fuxe -que levaban xa naquela altura unha coraxuda batalla pola segunda posición na proba-; e coa Jalerna e Xarandeira tamén ao asexo.
O bolinar fíxose traballoso até a boia de Campelo para todas as dornas. O vento refachado obrigaba a unha atención estrema en todos los barcos e o esforzo físico moi enorme para manter a dorna o máis adrizada posible quítandolle o máximo de velocidade. Moita banda tiveron que facer as bravas e bravos da Mörling!
Pola boia de Campelo a barlovento volve repetirse o mesmo paso de Tambo: a Pereka primeira, Nécora agora xa é segunda e Fuxe, terceira, deixandose caer algo máis a terra para asegurar o paso da baliza. Erra a Jalerna na manobra e a Xarandeira colle o cuarto posto moi en aberta competencia coa Selosa, que viña de menos a máis toda a regata facendo unha excelente Copa Mörling este ano.
A Pereka xa tiña a cabeza da regata para si e a competencia a costado contra costado estaba destada entre a Fuxe e a Nécora. Na segunda volta saíu vencedora a dorna do Grove que con Manolo Parada á cana está facendo un extraordinario campionato.
A loita polo segundo posto non era cousa menor porque a clasificación da III Copa Mörling está moi apertada e o resultado de Combarro aínda a deixou máis petada nos postos de arriba; até seis dornas poden gañar o campionato dependendo do que pase na última proba a desputar na Illa de Arousa.
A Pereka, que xoga na casa, semella ter unha pequena vantaxe, pero a Fuxe vai dar todo na Arousa e a Nécora pode saír beneficiada da marcaxe que se fagan as dúas primeiras clasificadas. A Jalerna, Xarandeira e Selosa tamén teñen as súas opcións nun final de Copa emocionante e divertido que confirma o circuito dorneiro coma un excelente reclamo para facer do pasado da nosa navegación un apaixoante presente de orgullo polo noso patrimonio náutico.