A Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial recoñece o labor de Pablo Carrera ao fronte do Museo do Mar de Galicia.

Hai uns días fíxose pública á dimisión de Pablo Carrera como Director do Museo do Mar de Galicia e desde a FGCMF queremos mostrarlle o noso recoñecemento, aprecio e respecto.

De ter que destacar algún rasgo en especial do seu traballo ao fronte do Museo teríamos que falar da súa disposición constante a apoiar as iniciativas que tivesen que ver coa cultura marítima, en calquera parte do país, e promovidas por calquera tipo de organizacións. Pablo Carrera fixo que o Museo do Mar fose realmente “de Galicia”, cunha visión de conxunto da nosa cultura marítima, sen limitacións xeográficas e aberto ao mundo.

O traballo do Museo foi posible velo en toda a costa galega, desde o Eo ata o Miño. Foron moitas as persoas que visitaron as exposicións itinerantes do Museo que recorreron moitas confrarías, lonxas, e prazas galegas. E foron moitas as organizacións que foron apoiadas polo Museo para facer charlas, exposicións, encontros, etc.

O Museo asumiu o traballo de iniciar un intento de coordinación dos diferentes centros expositivos relacionados co mar, iniciativa que estaba empezando a andar moi lentamente e que agora queda no aire, e na que a participación voluntaria de centros dependentes de diferentes administracións marcaba un camiño novidoso. Creou vínculos de traballo con outras entidades de Galicia, como o museo Massó de Bueu, o Aquarium Finisterrae na Coruña, o Centro de Estudios Fotográficos de Vigo, a Federación Galega de Confrarías e ANFACO entre outros.

Tamén Pablo puxo o Museo en relacións cos outros centros similares de España e Portugal, creando lazos dos que xa se empeza a ver froito. E do mesmo xeito estableceu relacións con outros centros e organizacións europeas, poñendo o nome de Galicia no mesmo campo de xogo que países de gran tradición marítima como Bretaña ou Holanda. Neste momento Pablo Carrera forma parte, en representación da FGCMF, do Comité Executivo de European Maritime Heritage, a máis importante organización europea do sector, de tal xeito que Galicia e a única comunidade do Estado Español cun membro de pleno dereito nesa entidade europea.

No que respecta ao traballo de conservación e difusión da nosa cultura marítima, o Museo foi vital para conservar materiais tan importantes como os recollidos na Casa Mar antes do seu derrubamento, guindastres de ASCON, motores de vapor, etc., e fixo unha labor de recollida e difusión do patrimonio inmaterial impagable, xa que este é o que corre máis perigo e é máis difícil de conservar.

As exposicións montadas polo Museo nestes anos foron de gran nivel e sobre todo tocaron moitos dos diferentes aspectos do mar: a batalla de Rande, Xulio Verne, a pesca en Terranova, as embarcacións tradicionais, o mar na arte contemporánea, a pesca do bacallau, fotografía relacionada co mar, fotografía privada de xente do mar (a Memoria do Mar), a oceanografía, a industria conserveira, os 75 anos de Industrias Pesqueiras, etc.

Por último, hai que salientar o constante apoio á Asociación galega de carpinteiros de ribeira ( Agalcari) e á FGCMF nos seus proxectos, xogando un papel especialmente relevante na creación da folla de rota para lograr un marco xurídico de protección e recoñecemento do patrimonio marítimo, concretamente das embarcacións de interese patrimonial.

Todo este traballo foi feito cuns medios extremadamente limitados. Ten moito mérito que nestas condicións o seu Director fose quen de facer do Museo un centro recoñecido no mundo do patrimonio marítimo.

Esperemos que os próximos responsables do Museo sigan nesta liña de traballo, abertos a todo o país, conectados co entorno ibérico e europeo, e co mesmo espírito de colaboración cos diferentes actores do mundo da cultura marítima galega que tan bos resultados ten dado ata agora.

Desde a FGCMF agradecémoslle a Pablo Carrera o seu esforzo para preservar e difundir a cultura do mar, agradecémoslle que o fixera con criterio propio e independencia, e agradecémoslle o exemplo que nos deixa de traballo serio, calado, con miras no longo prazo, libre de localismos e aberto á colaboración con todos.

Actualización: Albaola tamén recoñece a labor de Pablo Carrera

7 cometarios sobre “A Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial recoñece o labor de Pablo Carrera ao fronte do Museo do Mar de Galicia.

  1. E ademais un colaborador no traballo das asociacións en prol do Patrimnio Marítimo.
    Dende ACDDorna témoslle un especial cariño e esperamos que siga aportando a súa sabedoría neste mundo das embarcacións tradicionais.
    Gracias, Pablo

  2. Excelente persoa, traballador incansable. Ánimo Pablo, nos sabemos o traballo que tes feito.

  3. Tiven a oporttunidade de tratalo dende o 2005, cando o Encontro de Cambados e dende esa poiden valorar a súa implicación co Patrimonio Maritimo, dende esa en moitas outras ocasións poiden ter a oportunidade de valorar o seu traballo o xeito amable, desinteresado e efectivo de prestar a súa colaboración. Recurrir o Museo sempre foi un seguro de compromiso pola súa parte. Aragallar e botar adiante.
    Saúde.
    Fernando Piñeiro

  4. Excelente persoa e colaborador desinteresado con todo o que lle pediras. Temos que agradecerlle a súa presencia nas Xornadas de navegación tradicional que organizamos no 2009 e no II curso de carpintaría do 2010.

    Pensamos que era o mellor director que poido ter nunca un museo.

    Esperamos velo dentro de pouco nun cargo que o mereza.

    Unha aperta.

    1. Pouco queda por engadir a todo o xa dito. Pablo é un exemplo de rigor intelectual e profesional; cun concepto avanzado da sua labor á frente do Museo e a significación deste como motor e dinamizador da cultura e sociedade. Ademáis dunha persoa excelente, amable, modesta e accesible, que proxectou estas cualidades persoales na sua labor profesional como director. Amosa agora, coa sua decisión, o mesmo rigor, coherencia, compromiso e dignidade. Dende Lajareu por Barlovento enviámosche, Pablo, unha aperta forte e sentida e nos felicitamos da sorte de terte estes anos como Director do Museo do Mar de Galicia.

      Unha aperta
      Suso

  5. O traballo de Pablo non precisa de maior publicidade; simplemente esta aí e todas as persoas activas na reivindicación da nosa cultura marítima saben del. Pablo, ademáis, seguirá connosco (estou seguro) dalgunha maneira, e aínda ten moito que aportar no futuro. Pero o que, por desgracia, non teremos máis é a Pablo como director do Museo do Mar de Galicia e iso plantexa non poucas interrogantes no futuro, habida conta do desleixo e a incompetencia na materia dos actuais gobernantes, sen que os anteriores tampouco foran unha lumbreira neste eido. Polo tanto, teño para mín, que calquera (merecido) recoñecemento do labor de Pablo á fronte do Museo, debería levar incorporada a reivindicación da continuidade deste na súa función de preservar, potenciar e socializar a nosa cultura marítima na súa integridade, con visión de país superadora dos localismos ou das especializacións empobrecedoras tendentes a convertelo nun almacén de obxectos ou acrítico parque temático.
    Pablo, moito ánimo.
    Dionísio Pereira

Comments are closed.