Os amigos de Euskal Bateleroak convidáronnos a participar na San Pedro III Itxas Jaia de Lekeitio os pasados 27, 28 e 29 de xuño. A FGCMF desprazou a Lekeitio unha pequena expedición formada por 4 dornas (Ardentía de Lajareu, Onza e Zenaida da ACD Dorna, e a Jatiña de Amigos da Dorna de Portonovo) e a Terceira, unha chalana de dúas proas (choupán) do Grupo Cultural Ronsel. Como tripulantes viaxaron 19 persoas.
Xunto aos barcos viaxou tamén unha das exposicións da FGCMF sobre as tipoloxías dos barcos galegos que estivo exposta no porto de Lekeitio eses dias durante o tempo que o temporal o permitiu.
Logo de presenciar unha emocionante regata de xingra os barcos sairon a vela o sábado pola mañán, pola tarde o vento non permitiu saír ao mar pero algún barco aproveitou para subir o rio e ver as carpinterías de ribeira da zona. O domingo os barcos acompañaron a remo a procesión de San Pedro desde o porto.
Os actos do domingo comezaron lembrando a tradicional chamada das mulleres polas rúas do pobo despertando aos homes para ir ao mar, quen, en caso de mal tempo e non poder sair, pasaban con cadeas e os homes xa identificaban ese son con que podían seguir a durmir. E remataron coa Kaxarranka, que era un acto no que o novo «contable» da kofradía, agradecía cuns bailes ao son da música, enriba dunha caixa portada por mariñeiros e máis polo seu predecesor.
Estaba prevista unha regata a vela, pero como non foi posible realizala polo vento os organizadores decidiron conceder o premio da «Arraun eta bela estropada» á Jatiña, por ser o barco mais «xeitoso».
Agradecemos a Eukal Bateleroak a inmellorable acollida que deron á nosa xente. Os nosos tripulantes viñeron moi contentos do vivido en Lekeitio e con gañas de regresar outro ano.
Deste evento podedes ver unha crónica no sitio web dos Amigos da Dorna de Portonovo, unha serie de fotos de Itxas Egurra Haizean, e o vídeo de abaixo.