Hai dous días, o 24 de xullo, partía a expedición da FGCMF que está a participar no Festival Arcu Atlanticu, en Xixón. A presencia da Federación consta de máis de trinta persoas, 13 barcos no mar e 2 en terra para complementar a exposición “As embarcacións tradicionais do Arco Ártabro ata Ribadeo”, cedida para a ocasión polos seus autores, acompañada da súa tradución ao castelán feita por Bernardo Máiz e maquetada por Lino Prieto. Tamén se levaron materiais para ambientar a exposición cedidos polo Museo do Mar de Galicia.
Entre os barcos presentes están a “Pescadoira” e o bote “Os Galos” de Bueu, 7 dornas da Arousa, un bote de Vigo e tres botes de Ferrol, o “Enxebre”, o “Canouro” e o “Pequeno”, por tanto unha ampla representacion das tipoloxías galegas. Xunto aos nosos barcos navega a Evangelina, a Ameriketatik de Albaola (que tamén teñen unha exposición), o vaporín de San Esteban de Pravia, e outras embarcacións do norte.
No programa do evento hai información sobre zonas e horarios de navegación e sobre a grande e variada oferta do Festival, tanto no relacionado co mar como con outros aspectos das culturas do Atlántico.
O financiamento desta expedición provén integramente dos organizadores do Festival. Sen embargo as persoas que representan a FGCMF non teñen totalmente pagos os gastos de manutención, polo que hai que agradecerlles o esforzo de asistir cos seus barcos a este evento.